As concelleiras e os concelleiros electos resultantes das eleccións municipais celebradas o pasado 26 de maio, están convocados para a sesión de constitución da Corporación Municipal de Moeche, que terá lugar o vindeiro 15 de xuño, sábado, ás 13.30 horas na Casa do Concello.
A sesión constitutiva da Corporación celébrase,en sesión pública, o vixésimo día posterior á celebración das eleccións conforme co establecido no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais. Con anterioridade á citada sesión todos os membros electos deberán presentar na Secretaría Xeral as credenciais acreditativas da súa proclamación.
Como requisito previo tamén figura a obriga de que todos os membros electos presenten a correspondente declaración sobre causas de incompatibilidade, o exercicio de actividades económicas e de bens patrimoniais. Estas declaracións realizaranse nos modelos oficiais aprobados previamente en sesión plenaria.
Para celebrar a sesión constitutiva, formarase unha Mesa de Idade integrada polos membros electos de maior e de menor idade presentes na sesión. A Mesa deberá comprobar as credenciais e acreditacións da personalidade dos concelleiros e concelleiras electas e, se concorre a maioría absoluta dos concelleiros e concelleiras electas, deberá declarar constituído a Corporación Local. A concelleira ou concelleiro de maior idade deberá presidir esta Mesa de Idade.
Para adquirir a plena condición de concelleira ou concelleiro é requisito necesario a toma de posesión, que se poderá realizar unha vez cumpridos os trámites citados arriba. Así mesmo, os electos locais deberán xurar ou prometer o cumprimento fiel das obrigas do cargo.
Unha vez que a Mesa de Idade declare constituída a Corporación municipal, procederase é elección do alcaldesa ou alcalde. de conformidade co procedemento establecido na LOREX. Poden ser candidatas as concelleiras ou concelleiros que encabezasen as súas correspondentes listas. A candidata que obteña a maioria absoluta será proclamada alcaldesa. De non ser así, sería proclamada acaldesa a concelleira ou o concelleiro que encabece a lista que obtivese maior número de votos populares nas pasadas eleccións. A maioría absoluta refírese ao número legal de concelleiros e concelleiras que integran a Corporación.
No prazo establecido legalmente, a persoa titular da Alcaldía convocará a sesión plenaria de organización co fin de resolver sobre asuntos como a periodicidade de sesións do Pleno, a creación e composición das comisións, nomeamentos de representantes de la Corporación en toda clase de órganos colexiados en que deba estar representada, coñecemento dos acordos da Alcaldesa en materia de nomeamentos entre outros.
Últimos comentarios