Os momentos iniciais do Estado de Alarma e o período de permiso retribuído recuperable decretado días despois supuxeron un parón na obra pública que se estaba desenvolvendo en Moeche antes da crise. Tamén significou unha demora no arranque doutros proxectos que ían comezar no momento xusto en que saltou a alerta sanitaria. Porén, desde hai uns días a actividade volveu á rede viaria municipal, onde nestes momentos se están levando a cabo traballos relacionados co mantemento de pistas, coa ampliación das bases e amarres para colectores do lixo e tamén coa renovación das marquesiñas do transporte escolar. 

Estes dous últimos proxectos agrupáronse nun único contrato de 22.790€ financiado con  cargo ao POS Adicional 2019 da Deputación da Coruña. No caso das marquesiñas trátase de continuar o programa de substitución deste equipamento iniciado hai xa dous anos polo Concello, de cara a reconfigurar a súa distribución en base a criterios demográficos e, de paso, unificar modelos botando man dun deseño feito en madeira. Así, as bases das cinco novas casetas do transporte estanse executando desde a semana pasada en Finlle, nas Sete Pontes, en Penasalbas, no Retorno e Portogonzalbo.

A segunda parte do contrato, a relativa aos colectores do lixo, céntrase na formación de novas bases de formigón cun peche perimetral de madeira nun total de 32 puntos de recollida repartidos por todo o municipio: 13 con espazo para un colector e outros 19 para albergar dous colectores, en ambos casos con capacidades de entre 800 e 1.200 litros. Na obra tamén se prevén 10 abrazadeiras de aceiro inoxidable naqueles lugares que non leven cercado de táboa.

En canto ao mantemento das pistas municipais, o Concello está finiquitando nestes momentos o plan de rebacheos puntuais que desenvolve todos os anos para alongar a vida útil da rede viaria antes de acometer obras de renovación completas. Invístense algo máis de 6.000 euros en amañar pequenos desperfectos nos Campos, na Costa, no eixo Folgosa-Santa Cruz, entre San Xiao e A Igrexa e tamén nas estradas de Lavandeira, O Piñeiro, Trieiro e A Veiga.

En anos anteriores estes labores facíanse de maneira simultánea coa retirada da capa vexetal e dos sedimentos acumulados nas beiravías, aínda que neste 2020 o traballo de limpeza das cunetas será obxecto dun contrato separado que se adxudicará en breve e que abranguerá máis lugares.