O Concello ten aberto o prazo de recepción de ofertas para a xestión do bar da piscina municipal. As empresas e persoas autónomas que queiran optar á xestión deben presentar a documentación requirida nas bases antes do venres 31 de maio ás 14.30h.  As labores que  deberá desenvolver quen se faga co contrato son atender o ambigú, expender as entradas individuais -os abonos tramítanse no Concello- e manter en bo estado de limpeza tanto as instalacións da piscina como o resto da área recreativa de Soutogrande. A duración da adxudicación limítase aos tres meses do verán, entre o 15 de xuño e o 29 de setembro, ambas datas incluídas. A piscina abrirá ao público o luns 17 de xuño mantendo os prezos do ano pasado e acollendo tamén  cursos de natación en horario de mañá. 

Os requisitos marcados nas bases estipulan que a persoa ou empresa adxudicataria deberá abrir as instalacións da piscina nos horarios e datas definidos polo Concello e xestionar o bar, como mínimo, durante eses mesmos horarios, aínda que cabe a posibilidade de aumentalos acordándoo previamente co consistorio. Correrán por conta da adxudicataria a mercadoría que queira vender -dentro do permitido pola lei- e a instalación da maquinaria hostaleira que precise para a súa actividade. O importe da venda puntual de entradas ingresarse semanalmente na conta do Concello.

Por outra banda, a adxudicataria tamén deberá asumir a limpeza do recinto e non só da zona de bar. Así, as instalacións da piscina municipal, incluídos vestiarios e aseos, pasaranse todos os días, mentres que a limpeza e recollida do lixo da área recreativa ha de facerse, como pouco, catro veces por semana. A subministración de auga e electricidade  correrá por conta do Concello.

A adxudicación do contrato de servizos farase mediante contrato menor, de acordo coa clasificación das licitacións definida na nova normativa de contratación co sector público. Quen teña interese en optar á xestión deberá presentar a documentación requirida nas bases en dous sobres diferentes , un cos datos do licitador e outro coa proposición económica. Esta última ten un canon mínimo de 200 euros para toda a duración do contrato.

O prazo para achegar as propostas e maila documentación finaliza o venres 31 de maio ás 14.30h., sendo válida calquera das formas previstas na lei de procedemento administrativo. O órgano  de contratación revisará en primeiro lugar que se cumpren os requisitos para poder concorrer ao contrato e, posteriormente, avaliará as propostas presentadas en base aos criterios establecidos nas bases aprobadas.

Para consultar as bases prema neste enlace: prego  condicións xestión bar área recreativa

A piscina abrirá o 17 de xuño
O vaso de Soutogrande estará aberto ao público xeral desde o 17 de xuño até o 15 de setembro.