O Concello de Moeche organiza para os meses de verán novas xeorutas, enmarcadas no Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal. Unhas actividades que permitirán coñecer, nun caso, o interior da Mina Piquito e noutro, as zonas de extracción de toelo así como os elementos do patrimonio -incluído o castelo- onde se empregou este material como elemento construtivo. A primeira Xeoruta da Mina Piquito terá lugar o vindeiro domingo, 7 de xullo, e para participar nela hai que formalizar a inscrición a través da web rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com. Nesta ligazón poden consultarse as datas para as próximas citas e outra información de interese. Tamén é posible apuntarse chamando ao 981 404 006 ou no enderezo electrónico correo@moeche.gal.
A riqueza que agocha o territorio que comprende o proxecto Xeoparque Cabo Ortegal estivo aí desde sempre e nestes últimos anos Meoche, coma os concellos do citado proxecto, apostou por aproveitala como atractivo que tire dun turismo de calidade vencellado, ademais, á cultura, o patrimonio e o desenvolvemento rural. . Moeche é un dos sete concellos que, xunto coa Deputación da Coruña, están impulsando o denominado Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Un xeoparque é unha figura avalada polo recoñecemento internacional da UNESCO que busca favorecer o desenvolvemento turístico e socioeconómico dunha zona que, coma a nosa, ten un alto valor xeolóxico.
Por iso, dentro das accións de preparación da candidatura do Cabo Ortegal para obter o distintivo de xeoparque,e Moeche organiza de novo oito xeorutas nas que descubrir, entre outras cousas, o porqué da existencia de cobre e toelo no noso territorio, así como o xeito en que se extraeron e empregaron estes materiais ao longo da historia.
As xeorutas ofrecen dúas modalidades; unha para a Mina Piquito e outra para as canteiras de toelo.
Xeoruta Mina Piquito
O primeiro itinerario xeolóxico –o da Mina Piquito- percorrerase este domingo 7 de xullo. As outras sete xeorutas programadas para visitar a mina teñen datas fixadas: os días 27 de xullo, 10, 17 e 25 de agosto, visitarase o interior da Mina Piquito, derradeiro xacemento subterráneo de cobre que se pechou en Galicia,aló polo ano 1969. Nesta antiga explotación mineira poderanse observar unhas excepcionais formacións de estalactitas e estalagmitas de cor azul, verde, branca, marrón e negra. Todo isto, unido a que as rochas que se poden observar nas galerías estiveron no fondo do mar hai aproximadamente 400 millóns de anos, farán que esta xeoruta non deixe indiferente a ninguén.
Neste caso o grupo máximo para cada día serán 10 persoas de máis de 11 anos. Os preparativos de seguridade e a visita guiada por Fran Canosa duran arredor de 2 horas. O prezo son 10€. O percorrido é relativamente curto e doado, aínda que cómpre ter en conta que a parte máis espectacular da ruta transcorre polas galerías da mina, que non están acondicionadas para persoas con mobilidade reducida. Aínda que na visita se utilizará luz artificial autónoma, hai que ter en conta que as características do xacemento tampouco ofrecen condicións axeitadas para persoas con aprensión aos espazos escuros e pechados.
Xeoruta do Toelo
As datas das xeorutas do toelo son o 13 de xullo e o 11 e 15 de agosto.
Coñeceremos de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia: as serpentinitas ou toelo. Estas rochas, cunha fermosa cor verde, foron obxecto de explotación dende o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeoruta. O trazado é de dificultade baixa sobre unha distancia duns 3 quilómetros que se fan en arredor de dúas horas e media seguindo as explicacións do xeólogo Fran Canosa. O prezo da actividade -aberta a todas as idades- son 6€ nos que vai incluído o seguro. Hai un máximo de 25 prazas dispoñibles en cada unha delas.
Inscricións
As inscricións en calquera das destas xeorutas poden facerse ata 24 horas antes de cada unha delas a través da web https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com. Tamén é posible apuntarse chamando ao Concello -981 404 006- ou enviando un correo a correo@moeche.gal. Se non houbese prazas dispoñibles farase unha lista de agarda.
Horarios
Xeorura Mina Piquito
Xullo Agosto
-Domingo 7, de 16:00 a 20:00 h – Sábado 10, de 10:00 a 14:00 h
– Sábado 27, de 16:00 a 20:00 h – Sábado 17, de 16:00 a 20:00 h
– Domingo 25, de 10:00 a 14:00 h
Xeoruta do Toelo
Xullo Agosto
-Sábado 13, de 10:30 a 14:00 h – Domingo 11, de 10:00 a 14:00 h
– Xoves 15, de 10:00 a 14:.00h
Folleto informativo: https://drive.google.com/file/d/0B9bOMBRoaMLAVVgwRHpXblozVjQ/view
Últimos comentarios