Os Reis Magos do Oriente andan xa pola comarca. De feito xa chegaron onte e a primeira parada que fixeron foi en Moeche para atender peticións de última hora ou para recoller cartas que por calquera motivo non puideron botarse en Correos a tempo. A nave dos tecidos -totalmente transformada desde a última vez que viñeron- acolleu unha recepción real á que acudiron ducias de pequenos e pequenas de dentro e fóra do municipio, que gozaron durante toda a tarde de música e xogos. Os Magos teñen hoxe unha axenda cargada de compromisos en toda a volta. Seguro que cando rematen o seu apretado programa han pasar de novo por Moeche para deixarnos os agasallos. Iso si, xa non poderemos velos… a menos que nos ergamos de madrugada e asumamos o risco de coincidir con eles cando entran na nosa casa. Algo que -sobra dicilo- supón quedar sen regalos. Polo tanto, esta noite, grandes e pequenos ben cediño para a cama.

A festa dos Reis foi todo un éxito. Axudou que a tarde non estivese para andar por fóra, que o Concello e maila ANPA do CEIP San Ramón preparasen un programa ben entretido para a rapazada e tamén que o lugar elixido fose a nave dos tecidos da feira, convertida agora nun espazo multiusos moito máis acolledor.

Da parte de animación encargouse a empresa La Guagua, sinónimo de solvencia cando se trata de facer brincar os cativos a base de baile e de xogos apoiados con música. A oferta infantil completábase cun grande castelo inchable e con dous obradoiros, un de maquillaxe e outro de manualidades, que precederon o momento máis solemne da tarde.

Melchor, Gaspar e Baltasar entraron no recinto pola porta grande -e  nunca mellor dito- entre aplausos dunha rea de pequenos e pequenas cos ollos abertos coma pratos e o corazón a mil por hora. Pouco a pouco foron pasando polos colos reais para asegurarlles aos omniscientes magos que o seu comportamento fora exemplar nos últimos 365 días e para repasarlles de viva voz a longa lista de peticións -xoguetes nun 99%- que case todas e todos lles fixeron chegar por vía postal con tempo de adianto suficiente.

A tarde rematou co sorteo de varios agasallos: un tratamento na clínica Fisioche-Ben, unha experiencia de fin de semana e unha cesta. Ademais, tanto os maiores como as criaturas puideron saborear -e repetir- un rico chocolate con churros ben quentiños.

Galería fotográfica publicada no Facebook do Concello