Moito cambiou o conto dende aquelas primeiras mobilizacións das mulleres reclamando dereitos laborais ou a prol do sufraxio feminino a comezos do século pasado. Un século de loita que trouxo cambios e melloras, leis en favor da igualdade e unha maior conciencia social, máis aínda queda moito camiño por andar. A violencia machista, a fenda salarial, os roles e estereotipos de xénero, etc., fan imprescindible que a loita feminista continúe. E non falamos de loita como enfrontamento, senón como o traballo diario e conxunto por acadar unha sociedade na que o feito de ser muller non supoña unha desvantaxe. No Concello de Moeche sumámonos un ano máis a estas reivindicacións, e se en anos anteriores nos xuntabamos para reflectir nunha foto a unidade e forza das mulleres modestinas ou o “futuro en feminino”, este ano queremos reunirnos para celebrar a data o sábado 7 de marzo a partir das 11.30h. na nave do Mercado de San Ramón. O encontro aproveitarase para presentar a publicación do proxecto EspadELA “Historias de vida”, realizado pola Cooperativa Arabías no marco dos obradoiros de empoderamento feminino impartidos en Moeche e noutros municipios durante o pasado outono.

Nesta publicación cóntannos as súas historias  seis mulleres que formaron parte deses obradoiros, relatos da vida e do cotián do rural, de mulleres traballadoras incansables, dúas delas veciñas de Moeche, Pili Carrodeguas e Eva Quetti. A obra impresa está deseñada por María Álvarez Hortas con fotografías de Lucía Catoira Pan.

A imaxe protagonizada por Carrodeguas -gandeira ecolóxica no lugar de Lavandeira- testemuña o seu compromiso coa sustentabilidade, pero tamén a asunción da responsabilidade de garantir o futuro do rural: “O que queremos é manter e coidar a terra para quen veá despois”. No caso de Eva Quetti -presidenta da AVV de Labacengos-, a frase que acompaña a súa imaxe resume á perfección o duro labor -de par que invisible- da levanza diaria dun fogar. “As miñas xornadas son aberto 24 horas”, asegura Eva.

“Historias de vida” obtivo o Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. Ao remate do acto de presentación haberá uns petiscos e un viño galego para todas as persoas asistentes.

III Cea de mulleres
A Asociación veciñal de Labacengos tamén celebra o Día Internacional da Muller organizando unha cea para a noite deste mesmo sábado. O punto de encontro é o Mesón A Esquina, nas Somozas, onde se servirá a partir das 21.30h. un menú a base de entrantes -empanada da casa, tortilla, calamares, croquetas, pastelón e mexillóns á vinagreta- seguidos dun prato principal de peixe sapo en salsa, sobremesa e café.
O prezo son 23€ por persoa e pódese consultar se aínda queda algún sitio libre chamando ao  606 729 038 .