O municipio coruñés de Carnota acollerá este sábado unha xornada de intercambio de experiencias con Moeche e Castrelo de Miño, dous dos oito concellos galegos que, ademais do anfitrión, teñen o recoñecemento da UNICEF como “Cidade Amiga da Infancia”. A xornada leva o nome de “Somos o futuro” e pretende tender pontes e liñas de traballo compartido entre os tres municipios. De Moeche asistirán as 11 nenas e nenos que forman parte do Grupo de Participación Infantil, o órgano executivo nacido no seu do Consello Local da Infancia e a Adolescencia.
Acompañarán ao grupo a alcaldesa, Beatriz Bascoy, ademais da técnica de Desenvolvemento Local, Raquel Novo, e o profesor e membro do CLIA, Abel Muíño. Parten ás 9.15h. co obxectivo de chegar á vila da Costa da Morte sobre as 11 da mañá, aínda que tampouco levan présa, xa que as actividades compartidas entre os tres municipios arrancarán a iso as 12.30h.
O Concello de Carnota terá xuntanza de traballo do seu propio consello a partir das 10.30h. e dúas horas despois comezará o encontro conxunto co que se pretende iniciar unha vía de colaboración entre os distintos CLIA’s.
A idea é crear espazos de traballo nos que a rapazada intercambie experiencias e profunde no funcionamento dos Consellos de Participación Infantil e Adolescente. “Verán o que se leva feito, como se concretan as proposas dos menores na realidade e tamén obterán información e coñecemento da experiencia de Castrelo de Miño, o primeiro concello galego en obter a distinción Concello Amigo da Infancia hai dous anos”, explica Beatriz Bascoy.
Logo do encontro da mañá farase un parón para xantar e a actividade retomarase pola tarde -16.30h.- cun obradoiro centrado nas dinámicas de participación coas que propiciar un mellor coñecemento entre os tres grupos participantes.
Últimos comentarios