Moeche é un dos sete concellos que, xunto coa Deputación da Coruña, están impulsando o denominado Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Un xeoparque é unha figura avalada polo recoñecemento internacional da UNESCO que busca favorecer o desenvolvemento turístico e socioeconómico dunha zona que, coma a nosa, ten un alto valor xeolóxico. Dentro da programación de lecer de cara ao verán, e como xeito de avanzar no proxecto do xeoparque, o Concello organizou para as próximas semanas 6 xeorutas que se adentrarán na Mina Piquito  e outras dúas que permitirán coñecer as zonas de extracción de toelo así como os elementos do patrimonio -incluído o castelo- onde se empregou este material como elemento construtivo. A primeira Xeoruta do Toelo é este domingo, 8 de xullo, e para participar nela hai que formalizar a inscrición a través da web rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com. Nesta ligazón poden consultarse as datas para as próximas citas e outra información de interese. Tamén é posible apuntarse chamando ao 981 404 006 ou no enderezo electrónico correo@moeche.gal. 

Para a ciencia, o complexo do Cabo Ortegal é un lugar de referencia en canto ao estudo de como se formou a Terra e como se foi configurando a paisaxe ao longo de millóns de anos. En 630 Km² atopamos máis de medio cento de lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo.

Toda unha riqueza que estivo aí desde sempre e que agora se quere aproveitar como  atractivo que tire dun turismo de calidade vencellado, ademais, á cultura, o patrimonio e o desenvolvemento rural. Por iso, dentro das accións de preparación da candidatura do Cabo Ortegal para obter o distintivo de xeoparque, o Concello de Moeche organiza 8 xeorutas nas que descubrir, entre outras cousas, o porqué da existencia de cobre e toelo no noso territorio, así como o xeito en que se extraeron e empregaron estes materiais ao longo da historia.

O primeiro itinerario xeolóxico -o do toelo combinado coa visita ao castelo– percorrerase este domingo 8 de xullo e repetirase  o día 15 de agosto. Coñeceremos de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia: as serpentinitas ou toelo. Estas rochas, cunha fermosa cor verde, foron obxecto de explotación dende o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeoruta.  O trazado é de dificultade baixa sobre unha distancia duns 3 quilómetros que se fan en arredor de dúas horas e media seguindo as explicacións do xeólogo Fran Canosa. O prezo da actividade -aberta a todas as idades- son 6€ nos que vai incluído o seguro. Hai un máximo de 25 prazas dispoñibles e desde o Concello infórmase que, de non completarse un grupo mínimo, suspenderase tanto esta ruta coma a do 15 de agosto.

As outras seis xeorutas programadas son as que, quizais, esperten un maior interese do público. E é que os días  22 e 28 de xullo, 5, 18 e 26 de agosto e 1 de setembro, visitarase o interior da Mina Piquito, derradeiro xacemento subterráneo de cobre que se pechou en Galicia,aló polo ano 1969. Nesta antiga explotación mineira poderanse observar unhas excepcionais formacións de estalactitas e estalagmitas de cor azul, verde, branca, marrón e negra. Todo isto, unido a que as rochas que se poden observar nas galerías estiveron no fondo do mar hai aproximadamente 400 millóns de anos, farán que esta xeoruta non deixe indiferente a ninguén.

Neste caso o grupo máximo para cada día serán 10 persoas de máis de 11 anos. Os preparativos de seguridade e a visita guiada por Fran Canosa duran arredor de 2 horas. O prezo son 10€. O percorrido é relativamente curto e doado, aínda que cómpre ter en conta que a parte máis espectacular da ruta transcorre polas galerías da mina, que non están acondicionadas para persoas con mobilidade reducida. Aínda que na visita se utilizará luz artificial autónoma, hai que ter en conta que as características do xacemento tampouco ofrecen condicións axeitadas para persoas con aprensión aos espazos escuros e pechados.

As inscricións en calquera das destas xeorutas poden facerse ata 24 horas antes de cada unha delas a través da web https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com. Tamén é posible apuntarse chamando ao Concello -981 404 006- ou enviando un correo a correo@moeche.gal. Se non houbese prazas dispoñibles farase unha lista de agarda.

Nova oficina de Turismo
En relación co coñecemento do noso territorio, cómpre salientar que Moeche contará por primeira vez cunha oficina de información turística gracias a unha axuda de 6.500€ da Deputación da Coruña. Este importe cobre o 100% dos custes de contratación dunha técnica especializada neste ámbito durante os 5 meses en que o territorio recibe máis visitantes. O Concello publicou a finais do mes de maio as bases polas que se rexeu o proceso de selección, completado o pasado 21 de xuño.

O Concello dispuña ata hai pouco dunha única profesional que atende o Castelo e o Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña, financiada tamén desde o pasado ano pola Deputación da Coruña con 15.000,00€. Porén, a partir de agora contará ademais cunha técnica  que desenvolverá accións de dinamización turística máis aló da atención ao público, como por exemplo a preparación de contidos específicos para folletos ou para a web municipal ou a asistencia na planificación de rutas, nomeadamente as relacionadas co coñecemento xeolóxico do territorio ou aquelas que inclúan outros elementos patrimoniais e culturais.

A nova  Oficina de Turismo de Moeche está situada na Casa do Concello. Abrirá en horario de mañá de 9.00 a 15.00h. de luns a venres, mentres que os sábados a técnica atenderá entre as 10.00 e as 14.00h. no Mercado de Moeche.