Os Reis Magos levan varios anos chegando a Moeche moito antes que a calquera outro concello da comarca. E este 2020 que acabamos de estrear non vai ser menos. Por iso o Concello e maila ANPA do CEIP San Ramón téñenlles organizada unha recepción á altura destes máxicos persoeiros que comezará este sábado ás 16.30h. na nave dos tecidos cunha festa infantil chea de xogo, música e outros divertimentos. Ah, e recordade que pola mañá hai mercado.

Que os Reis Magos de Oriente pasen o día 4 por Moeche ten como vantaxe que a rapazada non terá que andar apurada na noitiña do 5 tentando achegarse a eles para recordarlles o que xa lles escribiron nas cartas. É máis: que Melchor, Gaspar e Baltasar paren aquí primeiro significa que as nenas e nenos os terán para si un bo pedazo, de maneira que a atención personalizada por parte das SS.MM. estará totalmente garantida.

O Concello vólvelles organizar en colaboración coa ANPA do CEIP San Ramón a festa de benvida que merecen, na que haberá desde as 16.30h. música, un obradoiro de maquillaxe, unha tirafonda xigante para apuntarlle a bonecos de neve, inchables, etc.

Os Magos de Oriente chegarán á nave do mercado sobre as 19.00h., momento no que atenderán unha por unha todas as peticións de última hora e recordatorios do escrito nas cartas que xa andan en Correos. Non faría falla, xa que Melchor, Gaspar e Baltasar a estas alturas teñen anotado mentalmente o que deben traerlle a cadaquén. Pero iso non quita de que cumpran coa tradición de compartir coa cativería un momento marcado a partes iguais pola ilusión e a emoción.

As SS.MM. botarán en Moeche o tempo xusto e necesario para falar con todas as nenas e nenos que asistan á festa, na que se servirá a partir das 19.30h. un saboroso chocolate con churros. Logo marcharán para facer noite e descansar nalgún lugar segredo antes da intensa xornada do domingo, cando reaparecerán simultaneamente en todas as cabalgatas da volta.