Acaba de facerse público o procedemento de contratación das obras de construción da rede de saneamento en Mil de Abaixo. Unha licitación por valor de 150.000 euros coa que se instalarán arredor dun quilómetro de conducións soterradas e se construirá unha pequena depuradora con capacidade para atender 200 vivendas. A obra ten especial relevancia para a parroquia de Abade, posto que permitirá conectar á nova rede as tubaxes existentes desde hai dúas décadas en Leboreiro e Mil de Arriba. Deste xeito, a zona máis poboada da parroquia -a situada á beira da estrada de Ortigueira- contará por fin cun sistema de tratamento integral para as augas residuais.
Beatriz Bascoy lembra que o Concello “intentou sen éxito” acometer esta infraestrutura ata en tres ocasións. “Houbo intención de levar a cabo o saneamento no ano 1998, no 2008 e en 2011. Pero ningunha destas tentativas se concretou en nada, a pesar de que era unha obra que a veciñanza levaba tempo pedindo. Hai que ter en conta que as zonas cunha cota máis elevada de Mil de Arriba e Leboreiro mesmo tiñan canalizacións baixo terra que non estaban conectadas nin ás vivendas nin a ningún sistema de depuración. Esta obra vénlle poñer remedio á situación e cumprir a demanda histórica da parroquia”.
Segundo o proxecto técnico, a obra que agora está en fase de licitación prevé ampliar a rede de tubaxes en outros 1.026 metros que discorrerán polas proximidades da estrada de Ortigueira na contorna de Mil de Abaixo. Levará 27 pozos de rexistro e, no cabo da rede, unha depuradora pechada que se construirá nunha parcela cedida por dous veciños da parroquia. “O Concello agradece o xesto de Albino Suárez e de Gloria López por cedernos o sitio para a depuradora. Un agradecemento que lle queremos trasladar a toda a veciñanza da zona, que participou nas reunións previas de presentación do proxecto”, comenta a rexedora local.
Beatriz Bascoy engade a este respecto que en 2017 o Concello se reuniu cos veciños e veciñas para expoñerlles os pormenores da obra que, en palabras da alcaldesa, “foi acollida pola xente coa mellor disposición e co ofrecemento dunha colaboración total”.
Os traballos fináncianse cunha achega económica do POS+ provincial 2018. De feito, o Concello apoiouse na Deputación da Coruña para que fose este organismo quen iniciase o procedemento de contratación a través da plataforma de Contratación do Estado, onde se publicou este luns dándolle ás empresas até o 15 de outubro para que presenten as súas ofertas. O orzamento base de licitación está fixado en 124.060,46€ máis ive -150.113,16 € en total- dos que o Concello deberá asumir preto de 21.000.
Esta será a segunda grande infraestrutura sanitaria executada nos últimos tempos, trala construción doutra rede similar na zona do Empalme, na parroquia de San Ramón.
Últimos comentarios