Logo do éxito de participación neste mes de xullo, o vindeiro día 1 de agosto comeza a segunda quenda do Sementeira, que cubrirá o mes completo. O período de preinscrición comezou o pasado 15  e rematará o vindeiro 24 de xullo; se ben a inscrición avanza a bo ritmo – 23  prazas xa cubertas-  aínda queda marxe para apuntarse

Sementeira, unha actividade de conciliación da vida laboral e persoal,  permítelles aos pequenos e pequenas de Moeche gozar dun verán cheo de actividades dinámicas e diferentes. Este ano, cada semana os xogos e actividades están relacionadas cun tema específico. Auga, deporte, arte, natureza e reciclaxe foron algúns dos temas escollidos durante esta promeira quenda, na que as nenas e nenos -entre outras moitas cousas- fixeron experimentos con materiais de refugallo, murais artísticos, xogaron ó fútbol burbulla, carreira de traxes de sumo, tiro con arco e ata tiveron unha festa da espuma.

Igual que para a primeira quenda, quen se queira apuntar debe entregar no Concello a documentación requirida, que pode descargarse nos enlances que figuran máis abaixo : folla de inscrición -que deberá ir acompañada do DNI da persoa solicitante e tamén da persoa ou persoas autorizadas para recoller a rapazada-, a ficha médica onde se fan constar datos esenciais para o coidado, como poden ser alerxias ou a indicación dalgún tratamento, e, por último, a folla de autorización. Na web municipal tamén se poden obter as bases completas do programa.

Como ata agora, terán prioridade as solicitudes dos nenos e nenas matriculadas no CEIP San Ramón, as familias censadas, a continuación as solicitudes das familias nas que algún dos seus membros teña vinculación laboral con Moeche e, por último, atenderanse as peticións de familias doutros concellos.

Información no departamento de  Benestar Social e Igualdade, teléfono 981404 006

Documentación descargable (.pdf)

Bases  Sementeira 2019

Ficha de inscrición

Ficha médica

Autorización