Tras a finalización dos prazos do proceso de licitación, adxudicación e sinatura do contrato por parte da Deputación da Coruña, deron comezo a pasada semana as obras de execución do proxecto de Mellora de areas de lecer que se desenvolverá nas proximidades da área recreativa de Soutogrande e do local social do Pereiro, situados na parroquia de San Xurxo.
Comezaron a semana pasada as obras co desmonte , limpeza dos terreos da parte posterior do Pereiro. Nesta zona, no entorno do local social do Pereiro, de propiedade municipal, acondicionarase unha pequena zona de lecer ao pé do río. Esta área correpóndense cunha masa común ao pé do río, que non tiña ningún uso, e que resulta un espazo axeitado para unha área de descanso e actividades dada a súa situación próxima ao local social.
Iniciáronse as tarefas de desmonte do peche existente e o roza do terreo. Os traballos centraranse en reducir a altura do peche existente nos lindeiros laterais da parcela, eliminar o desnivel do acceso coa execución dunha rampla de terra e un tramo de escaleiras executado con travesas de madeira . A delimitación do acceso desde o aparcamento comprenderá un macizo e a nova zona equiparase con mesas e bancos de madeira así como papeleiras.
As actuacións na área recreativa de Souto Grande dirixense ao acondicionamento dunha zona de aparcadoiro, configurada de xeito compatible coa fraxilidade ambiental do ámbito, na parcela de titularidade municipal situada ao seu carón, que foi adquirida polo Concello de Moeche no ano 2017 para este fin. Colocarase un peche de madeira de piñeiro tratada para evitar o acceso de vehículos incontrolado na parte frontal. Cara a parte posterior da parcela tamén se colocará un tramo de valo de madeira para limitar o acceso dos vehículos ás proximidades do río, deixando tan so un acceso previsto para labores de roza e mantemento da parcela. Así mesmo. mellorarase o acceso á parcela coa execución dun bueiro na zona de entrada. Na zona de aparcadoiro executarase unha base de zahorra, para delimitar o trazado da área de acceso e facilitar o paso dos vehículos, deixando o resto da parcela no seu estado natural. Acondicionarase finalmente coa plantación de varias especies arbóreas autóctonas como loureiros, sabugueiros e abeleiras.
A empresa adxudicataria das obras por procedemento aberto simplificadísimo foi Groma Obras ,S.L, por un importe de 10.049,61 €- O importe inicial da licitación foi de 11.165,00€ ,impostos incluídos. Este proxecto execútase con cargo aos fondos remanentes do Plan de Medio Ambiente (PMA) da Deputación da Coruña, é dicir, das baixas obtidas nas licitacións dos proxectos executados no 2017 no concello de Moeche ao abeiro do PMA.
O prazo de execución é de 15 días co fin de que na parte do aparcadoiro da área recreativa estea disponible para a segunda quincena do mes de xullo, cando a afluencia de visitantes aumenta.
Últimos comentarios