O Concello adxudica as contratacións para amañar, con fondos propios,  11 pistas e camiños de titularidade municipal por un importe total dos dous proxectos de 76.734,69€. O Concello asumirá o seu custe con parte do superávit do orzamento anterior para acometer asfaltados completos en todas as pistas incluídas nestes proxectos. Non serán as únicas actuacións de mellora da rede viaria que se licitarán de forma inminente xa que nos vindeiros días procederase  co procedemento de contratación do Plan de mellora de camiños da AGADER por importe de 52.339,76 euros así como o Plan de rebacheo de pistas que por terceiro ano consecutivo se desenvolve desde o Concello.

O Pleno municipal aprobou as contías correspondentes a finais do 2017 a cargo de parte do superávit do orzamento municipal, así como os  correspondentes proxectos. Transcorridos os prazos legais, con eses cartos contrátase agora o amaño de varias pistas repartidas por diferentes parroquias.

A adxudicataria  das obras do proxecto técnico que inclúe  o camiño de Vilariño e o da igrexa, en Abade, e outras tres en Labacengos: a de Vilapedre, o camiño de Loira á Veiga e o camiño da estación a Cerdido, foi José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A. que prestou a mellor oferta económica por un importe de 41.765.69€, IVE incluído,e  que suporá a restauración dunha su perficie de 6.000 m² de cinco pistas municipais.

As obras de pavimentación das pistas da Rega e dos Loureiros, en San Xurxo, así como o camiño de Seoane Vello e a pista do Vilar, en San Xoán,  foron adxudicadas a empresa Construcciones Saavedra, S. L. que  presentou un orzamento  por un importe de 34.969,00€.

O investimento necesario sae directamente das arcas municipais e complementa deste xeito programas como o Plan de Obras e Servizos – Plan Único de Concellos da Deputación, que no 2018 ascende en Moeche a 229.000,00€ e o Plan de mellora de camiños municipais, de Agader, que supón un novo investimento de máis de 52.000,00€ para otros camiños que se licitará por procedemento aberto ao longo deste mes. “Transcorridos os prazos legais e realizada a incorporación de remanentes, procedeuse ás contratacións destas obras,   moi necesarias para o mantemento das pistas despois do inverno,  e deste xeito darlle cumprimento a unha parte considerable das demandas recollidas nas asembleas veciñais e aproveitar o tempo de verán para a súa execución”, explica a alcaldesa, Beatriz Bascoy.