A Deputación da Coruña e o Concello de Moeche asinaron este martes un novo convenio de colaboración para afrontar a mellora da iluminación pública nos accesos e na contorna do Campo da Feira, mediante a aprobación dun proxecto que ademais optimizará o aforro enerxético do municipio. Con este acordo, a institución provincial asume o 80% dunha actuación valorada en 85.217 euros, achegando unha partida económica de 68.173 euros. Esta contía destinarase á substitución dos vellos farois do alumeado público por outros con tecnoloxía LED, cos que se agarda rebaixar nun 70% o consumo actual desa instalación.
O deputado e responsable da área de Cooperación cos Concellos, Xosé Regueira, subliñou que con esta nova actuación a Deputación continúa avanzando cara a consecución dun dos obxectivos principais marcados pola área que dirixe, como é o de “acadar uns Concellos máis sustentables e máis eficientes enerxeticamente”. Pola súa banda, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, apuntou que con esta intervención se conseguirá “cambiar o aspecto dunha das principais entradas do núcleo urbano”, posto que a substitución dos vellos farois de vapor de sodio que nestes intres se atopan deteriorados “potenciará un dos principais centros do concello”.
A instalación do novo sistema lumínico desenvolverase nos accesos a San Ramón, no recinto feiral e no interior da nave do mercado. Bascoy sinalou que a mellora “repercutirá de xeito positivo” nun espazo polo que o Concello está a “apostar decididamente” como un dos principais eixos económicos e sociais do municipio. Neste sentido, a rexedora local lembrou a posta en marcha do mercado dos sábados a finais do ano pasado e tamén a rehabilitación da antiga nave dos tecidos xunto co seu entorno.
O Concello agarda que o paso a LED suporá unha redución do consumo que pode chegar ao 70%, algo que levaría aparellada “unha importante baixa na factura da luz pública desta zona”. Ademais dos seus menores requirimentos enerxéticos, o LED ten outras vantaxes, entre elas a de ofrecer unha iluminación máis branca, suave e agradable, ao tempo que reduce a contaminación lumínica. Tamén é un punto ao seu favor o menor desgaste das lámpadas -veñen para máis de dez anos- e o feito de que non perden intensidade durante a súa vida útil, ademais de que case non precisan mantemento.
O importe total do proxecto asinado entre Beatriz Bascoy e o deputado Xosé Regueira ascende a 85.217,12 euros, dos que o organismo provincial asumirá o 80% mentres que o 20% restante irá por conta do Concello.
Últimos comentarios