O POS+ Plan Único da Deputación da Coruña tenlle asignados a Moeche un total de 377.000 euros para destinalos a investimentos e ao funcionamento do Concello. Desta cantidade o consistorio utilizará arredor de 260.000 euros para gasto corrente e obras, principalmente a do saneamento en Abade. O Goberno local decidiu non recorrer este ano á liña de crédito sen xuros facilitada polo ente provincial -os cerca de 117.000 euros restantes- e, ademais, o Concello asumirá con recursos propios a maior parte do plan anual de conservación de vías municipais. A distribución dos fondos provinciais votouse este martes nun pleno extraordinario onde houbo unanimidade dos dous grupos da Corporación. Na sesión tamén tomou posesión o novo edil do BNG Miguel Ángel Pedreira, quen accede ao salón de plenos por primeira vez e en substitución de Juan Carlos Rodríguez Lago. 

Este ano o Plan Único reservou para Moeche un total de 377.482,08 euros divididos en tres grandes apartados: 131.622,04 euros correspondentes ao orzamento provincial de 2018, 129.138,61 euros dos remanentes do resultado de 2016 que a Deputación incorporou ao plan deste ano e, por último, 116.721,43 euros en forma de préstamo sen xuros a dez anos e con dous anos de carencia.
O Concello utilizará só os dous primeiros, xa que da terceira fórmula xa se botou man noutros anos e, tal e como indicou a rexedora local, Beatriz Bascoy, volver facelo en 2018 “suporía unha sobrecarga económica no futuro, posto que son cartos que hai que devolver, aínda que sexa sen xuros”.

Así, a contía para investir ascende a máis de 260.000 euros que irán para gastos de funcionamento municipal e para a redacción de proxectos, entre eles o do saneamento en Abade que será o que se leve adiante cos fondos provinciais. A obra está orzamentada en máis de 150.000 euros e será necesario que o Concello poña uns 21.000 euros de fondos propios.
Con ela levarase a rede de sumidoiros ás vivendas de Mil de Arriba, Mil de Abaixo e Leboreiro. Instalaranse novas canalizacións e arquetas de rexistro, reporanse as beirarrúas e tamén se soterrará unha foxa nunha leira cedida por dous veciños da parroquia, “a quen desde o Concello lles queremos agradecer o xesto de facer a cesión para poder facer estas obras tan necesarias e tan agardadas desde hai tempo”, sinalou Beatriz Bascoy.
Pero estas non serán as únicas obras incluídas no POS+. E é que este plan provincial prevé incorporar ao longo de 2018 máis fondos xerados a partir das baixas que se produzan nas contratacións. Por iso a Deputación esixe redactar proxectos, como mínimo, polo 20% dos case 380.000 euros consignados inicialmente. Neste sentido, a Corporación tamén aprobou dedicar arredor de 100.000 euros a unhas novas beirarrúas en Balocos, á continuación do programa municipal de construción de bases e peches para colectores do lixo e á substitución de varias marquesiñas do transporte público.
Ademais de tratar os proxectos correspondentes ao POS+ 2018, na sesión tamén se lle deu o visto e prace aos últimos investimentos do POS+ 2017 -o plan provincial do ano no que estamos- que  destinarán 18.000 euros a mercar novos xogos e estruturas para o parque do colexio e a acondicionar o de Abade.
Pistas e outras infraestruturas financiaranse co superávit de 2016
A diferenza doutras anualidades, este ano o Concello optou por levar a cabo con fondos provinciais os proxectos de maior envergadura, mentres que o mantemento e mellora tanto da rede viaria como da rede de abastecemento de auga se vai facer grazas ao superávit que houbo no Concello ao peche das contas de 2016. “Había anos que en Moeche non se cerraba un orzamento con remanentes deste importe. Cartos que se poden e deben investir naquelas necesidades que ten a veciñanza”, asegura a alcaldesa.
Cómpre lembrar que o pasado mes de novembro o pleno municipal aprobou unha modificación do orzamento de 2017 para sumarlle parte deses remanentes -cerca de 78.000 euros- cos que contratar dous grandes proxectos de arranxo de pistas.
O primeiro paquete de obras está cuantificado en algo máis de 42.000 euros e suporá a restauración dunha superficie de 6.000 m² de cinco pistas municipais. En concreto as do camiño de Vilariño e a da igrexa, en Abade, e outras tres en Labacengos: a de Vilapedre, o camiño de Loira á Veiga e o camiño da estación a Cerdido.
O segundo grande proxecto, cifrado en 35.724 euros, reparará as pistas da Rega e dos Loureiros, en San Xurxo, así como o camiño de Seoane Vello e a pista do Vilar, en San Xoán, que suman preto de 7.000 m² de firme.
Canda estas obras que se executarán con fondos municipais tamén hai que contar as que se financiarán con cargo ao Plan marco de mellora de camiños municipais do AGADER para a anualidade 2017-18. O Concello recibiu unha subvención de 52.338,33€ para pavimentar unicamente camiños que cumpran os requisitos indicados pola Xunta. A actuación que se levará a cabo será a do aglomerado en quente da pista que vai desde a Igrexa de Labacengos até o límite con Abade, “que se atopa moi deteriorada polo paso do tempo e do intenso tráfico que soporta”, apuntou a alcaldesa. Esta obra xa está contratada e dela encargarase a empresa José No Mantiñán e Hijos S.A.
Toma de posesión no grupo do BNG
Na sesión plenaria deste martes tamén tomou posesión Miguel Ángel Pedreira como edil do grupo de goberno. Pedreira accede á Corporación por primeira vez e en substitución de Juan Carlos Rodríguez Lago, quen comunicou a súa renuncia o pasado mes de novembro por motivos persoais. A alcaldesa expresou o agradecemento a Rodríguez “polo traballo feito nos últimos dous anos” ao tempo que  lle desexou sorte a Pedreira na súa nova etapa como concelleiro.