Falta menos dunha semana para que Moeche reciba milleiros de visitantes co gallo do 23 de Abril, día da feira máis concorrida do ano e día da tradicional feira dedicada aos cabalos. O evento repartirá máis de 5.000 euros en premios para os xinetes e amazonas que demostren máis pericia na andadura chapeada, andadura aserrada e trote, divididas en tres apatados para animais de menos e máis de 1,5 m de altura á cruz. Da organización encárgase a Asociación Ecuestre 23 de abril, quen xa o ten todo practicamente listo para o grande día. Representantes da entidade, do Concello, da Garda Civil, de Protección Civil e da empresa encargada de elaborar o plan de prevención reuníronse o sábado na casa consistorial para ultimar os detalles do dispositivo de seguridade. Desde o Concello agradécese a implicación de todos estes equipos para que todo transcorra sen incidencias, ao tempo que se lle pide a máxima colaboración á veciñanza, visitantes e participantes co obxectivo de que o 23 de Abril volva ser o que é sempre, un éxito.

De momento é moi cedo para adiantar previsións meteorolóxicas, pero algúns portais web sobre o tema máis ou menos rigorosos aventuran que o luns 23 de abril vai vir un día sen auga, con algunha nube e temperatura agradable, incluso ao mediodía. O tempo é o único que pode marcar algunha diferenza nunha feira que, chova ou faga sol, sempre xunta público incontable arredor do cabalo ou do ambiente xenuíno dun mercado tradicional onde hai algo de todo. Gando, queixos, pan, empanadas, salgaduras, churros, verdura, planta, artesanía, roupa, ferramentas, parolas -no 23 sempre se atopa a alguén-, que se mesturan nun entorno invadido polo bafo dos potes de polbo e o cheiro hipnótico e suxestivo do churrasco torrándose enriba das brasas.

Porén, Feira do 23 de Abril é sinónimo de cabalos de todos os tipos e razas que chegan a Moeche para lucir estampa e nobreza ou para cambiar de mans. A Asociación Ecuestre 23 de Abril, organizadora do evento, premiará os animais e cabaleiros/cabaleiras que mellor desempeño exhiban en tres xeitos de marcha que requiren tempo de adestramento e moita compenetración coa montura. Son a andadura chapeada -o animal avanza en catro tempos, poñendo cada vez un casco no chan-, a andadura aserrada -os cascos de cada lado pousan ao mesmo tempo mentres os outros se adiantan- e trote, no que o animal marcha a maior velocidade, movendo de xeito cruzado as mans e os pés. Estas tres categorías desdobraranse á súa vez dependendo das alturas, separando as probas para animais de menos de 1,5 metros de altura á cruz e para os que excedan desa medida.

As inscricións nas distintas probas deberán facerse no palco do evento antes das 10.00h. e cumprirá levar o animal canda a súa documentación oficial para facer as medicións pertinentes. As bases estipulan, entre outras cuestións, a obriga de usar cascos regulamentarios para poder participar nas probas e a descalificación inmediata no caso de que haxa indicios de maltrato animal. Ademais, tanto a organización como as forzas de seguridade poderán expulsar a calquera participante que estea facendo un uso inadecuado da pista ou se se considera que pon en risco a seguridade da proba, que se desenvolverá nun circuíto debidamente valado e restrinxido á entrada do público.

Sobre esta e outros aspectos relativos á seguridade do evento falouse o sábado na Casa do Concello nunha xuntanza á que asistiron a alcaldesa, Beatriz Bascoy, a concelleira de Cultura e Deportes, Iria Couce, e membros da directiva da Asociación Ecuestre 23 de Abril, ademais do sarxento do posto da Garda Civil de San Sadurniño, o representante da empresa que deseñou o plan de prevención e persoal de coordinación dos distintos equipos de Protección Civil que botarán unha man o próximo luns, procedentes de Valdoviño, As Pontes, Narón, Cedeira, Neda e Miño. “Detrás da Feira do 23 de Abril hai un grande traballo por parte da asociación organizadora e tamén un amplo equipo humano que axudará desinteresadamente a que todo vaia ben. É de agradecer o labor que fan, imprescindible para poder levar a cabo un evento destas características ao que acoden milleiros de persoas”.

Desde o Concello tamén se agradece a colaboración da veciñanza, lembrando que os residentes na Rúa da Feira -que estará cortada desde a véspera- deberán pasar polo Concello para recoller os pases de acceso. Desde o serán do domingo 22 até a noitiña do luns 23 tamén se cortará o tráfico no tramo de estrada entre Pensos Pazo e a capela de San Ramón, xa que é nesa zona onde se sitúa o circuíto e onde se concentra a maior actividade cabalar.