Sementeira volve a dinamizar o verán en Moeche.  O campamento de verán que organiza o Concello para as nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, o Sementeira, oferta un ano máis unha tempada chea de obradoiros de artesanía, xogas na piscina, contacontos, visitas ao mercado, música, baile,… e así ata compoñer unha oferta educativa e de entretemento cunha manchea de propostas. O Campamento Sementeira desenvolverase en dúas quendas, unha no mes de xullo e outra no mes de agosto, de maneira que as familias poderán reservar praza para calquera dos dous meses ou incluso para o total do programa, que arranca o 1 de xullo e finaliza o 30 de agosto. O período de preinscrición está aberto entre o 3 e o 18 de xuño e ofértanse un máximo de 35 prazas.

Quen se queira apuntar debe entregar  no Concello a documentación requirida, que pode descargarse nos enlaces que figuran  ao pé desta nova:  folla de inscrición -que deberá ir acompañada do DNI da persoa solicitante e tamén da persoa ou persoas autorizadas para recoller a rapazada-,  a ficha médica onde se fan constar datos esenciais para o coidado, como poden ser alerxias ou a indicación dalgún tratamento, e, por último, a folla de autorización referida a datos de carácter persoal e á práctica de actividades acuáticas ou excursións. Nas descargas tamén se poden obter as bases completas do programa, onde se reflicten todos os prazos, os horarios, a estrutura do campamento e os criterios de prioridade á hora de asignar as prazas.

Este ano o  campamento trae algunha novidade como é a ampliación da duración, cada quenda cubrirá o mes completo , tanto en xullo como en agosto, un  maior número de prazas ofertadas  e novas actividades.

En cada quenda ofértanse un máximo de 35 vacantes -2 delas reservadas para casos derivados de Servizos Sociais ou urxentes-, que se cubrirán, en primeiro lugar, mirando a data de rexistro da solicitude. Se existisen máis peticións que prazas, o Concello asignará cada unha delas dándolle prioridade ao alumnado do CEIP San Ramón, logo ás familias con algún membro empadroado en Moeche, con orde de preferencia de nais ou pais e logo de avós ou avoas e, en último caso, a familias nas que algún membro teña vinculación laboral no municipio.

Cómpre ter en conta, coma o ano pasado,  que haberá dous horarios de luns a venres, un de 9.00 a 14.00h. e outro de 10.00 a 14.00 h e que terán preferencia na obtención de praza  quen elixa o horario máis madrugador. Para esa banda horaria -de 9.00 a 10.00h.- só hai 8 prazas dispoñibles. A rapazada apuntada nela terá xogos e obradoiros de lectura ata as 10 h, cando se incorpore a totalidade de participantes e comecen as actividades conxuntas.

As familias de nenas ou nenos do CEIP poderán efectuar o pagamento do campamento no mesmo período de preinscrición –do 3 ao 18 de xuño-, mentres que no resto dos casos deberán agardar a que o departamento de Benestar Social e Igualdade lles confirme a praza.

O custo mensual da actividade é o seguinte, dependendo do horario de entrada:

 Horario de 9.00 a 14.00        Horario de 10.00 a 14.00

1º Membro                                  70 €                               60 €
2º Irmán/irmá                             60 €                               50 €
3º Irmán/irmá                             40 €                               30 €

A documentación ha de presentarse na Casa do Concello ata o 18 de xuño, en horario de 8.30 a 14.00 h. de luns a venres.  Para obter máis información pode consultarse nos enlaces de abaixo ou chamar ao departamento de Benestar Social e Igualdade, 981 404 006 ext. 1.

Documentación descargable (.pdf)

Bases  Sementeira 2019

Ficha de inscrición

Ficha médica

Autorización