Co remate de 2018, a área de Servizos Sociais de Moeche fai balance dos resultados dun exercicio que veu marcado polo incremento de persoas atendidas polo SAF dentro do programa de asistencia domiciliaria e de axuda á dependencia. Un incremento que segue a tendencia iniciada en 2015, cando só 15 persoas se beneficiaban destes servizos. Nos últimos meses chegaron a ser máis de 45 e mantense unha media estable de 38 usuarios e usuarias, así como entre 6 e 8 en lista de agarda á espera de que a Xunta de Galicia estableza o seu grao de dependencia. Segundo Beatriz Bascoy, os datos responden á realidade demográfica “común a todos os concellos do rural e á que cómpre prestarlle atención” e, sobre todo, a un maior número de recursos económicos e de persoal destinados ao apartado social.

Tal e como apunta a rexedora, a clave está en “ofrecer un servizo de calidade e facilitarlle á xente que o precise acceder a el. Os concellos coma o noso, e en xeral todos os de Galicia, sofren unha crise demográfica que require marcar como prioritaria a atención ás persoas maiores e dependentes”.

Bascoy recorda que ao comezo do actual mandato “Moeche só contaba con 15 persoas usuarias, unha cifra que distaba moito das necesidades reais da poboación e que era moi inferior á doutros concellos limítrofes”. A este respecto, desde a área responsable de Benestar e Servizos sociais levouse a cabo un programa de prospección e información “co obxectivo de detectar ata onde tiña que chegar o Servizo de Axuda no Fogar e a atención a persoas dependentes” e, a partir de aí, “ir ampliando a calidade do servizo e o número de beneficiarios e beneficiarias das prestacións domiciliarias”.

Entre os cambios que se introduciron nos últimos anos para potenciar o servizo estivo o de dedicar o persoal do SAF “exclusivamente a tarefas de atención, xa que antes debían facer traballos á marxe do servizo que non lles correspondían”. Por outra banda tamén se ampliou a prestación a festivos e fins de semana para dependentes e definíronse novos horarios que cobren agora até a tarde-noite.

Cambios, en palabras de Bascoy, “orientados a unha atención de calidade” que requiriron reconfigurar outros aspectos do servizo, comezando por unha política máis activa por parte do Concello á hora de dar a coñecer as prestacións “ás que ten dereito a xente” e tamén á hora de promover a súa solicitude. “O servizo ofértase de forma xeral para todos os usuarios e usuarias potenciais e hai unha maior implicación na detección de casos que poden beneficiarse tanto do SAF como da atención a dependencia, a quen o persoal municipal lles ofrece todas as facilidades para tramitar as solicitudes”.

A alcaldesa insiste en que “se o servizo funciona ben, a xente solicítao”, ao tempo que engade que o incremento de persoas usuarias -que pasaron de 15 a 45 nos últimos catro anos, aínda que na actualidade sexan 38-, tamén esixiu incrementar a dotación económica e de persoal, que está contratado directamente polo Concello. De tres traballadoras pasouse a catro e, ademais, creouse unha nova bolsa de emprego “que permite facer substitucións de forma inmediata, sen que o servizo se vexa alterado por baixas laborais ou vacacións”.

En canto ao finanzamento, desde o Goberno local tamén se destaca a solicitude á Consellería de Benestar Social dun maior número de horas -que o Concello debe cofinanciar- e o “considerable incremento” da axuda económica da Deputación da Coruña, que pasou de algo menos de 18.000 euros a máis de 26.000.

Xantar na casa
Calquera persoa que necesite información para a tramitación do Servizo de Axuda no Fogar pode dirixirse ao departamento de Benestar Social chamando ao 981 404 006,ext. 1. Tamén é neste departamento onde poderán obter información e solicitar o programa Xantar na casa, ao que Moeche acaba de sumarse.

Quen se acolla ao servizo recibirá no seu domicilio sete bandexas diferentes co xantar para cada día da semana por un prezo diario de 1,57€. Cada menú inclúe primeiro prato, segundo prato e sobremesa. Son completos e equilibrados, variados e adaptables ás necesidades das persoas usuarias, aos seus gustos e hábitos así como á gastronomía local e á época do ano. Para entrar no programa hai que cumprir algún dos seguintes requisitos xerais:

  • Ter máis de 60 anos, atoparse con limitacións en canto á autonomía persoal e non dispor dunha rede de apoio que poida suplir esa situación
  • Ser unha persoa dependente e non contar con apoio familiar, requirindo ademais axuda para a preparación de alimentos.
  • Ter menos de 60 anos e máis de 18 e atoparse en situación de exclusión social avaliada polos servizos sociais do Concello e sempre que se estea intervindo desde outro programa para resolver as circunstancias de exclusión.
  • As solicitudes poden facerse no departamento de Benestar Social do Concello en calquera momento a partir de agora. Os informes favorables remitiránselle ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este organismo será en último caso quen concederá ou non o servizo en función da súa capacidade orzamentaria.

Pódese obter máis información chamando ao Concello -981 404 006- ou pasando pola oficina de Benestar Social, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas. Neste servizo tamén axudarán a preparar toda a documentación.