Como consecuencia da crise sanitaria creada polo COVID-19, e seguindo as recomendacións do Ministerio de Sanidade e da Xunta de Galicia sobre a adopción de medidas preventivas que contribúan a frear a propagación do coronavirus entre a poboación, o Concello de Moeche publicou esta mesma mañá un bando no que se recolle de que maneira se aplicará no noso territorio o protocolo de contención do virus. Trátase dunha traslación do xa anunciado pola Xunta e polo Estado en canto a evitar a concorrencia de persoas en espazos públicos e á suspensión de actividades, que se manterán no caso de Moeche desde hoxe, 13 de marzo, até novo aviso. As medidas poderán ser ampliadas ou reducidas en función das directrices que establezan as autoridades sanitarias competentes.

O Concello de Moeche acordou en primeiro lugar a suspensión de todas as actividades culturais, educativas, deportivas -actividade da Aula Tic, da biblioteca municipal, das escolas deportivas , infantís e de persoas adultas, obradoiro de memoria e similares-, así como a suspensión tamén ata novo aviso de todas as actividades sociais organizadas por terceiros nas instalacións municipais, como cursos, obradoiros e outros. Os plenos municipais mantéñense, aínda que por precaución se celebrarán a porta pechada.

No marco destas medidas excepcionais tamén se interrompe temporalmente a celebración das feiras mensuais do 11 e 23, o mercado do gando dos martes e o mercado dos sábados pola mañá. Tan axiña como as condicións o permitan restaurarase a celebración das feiras mensuais e mercado. Respecto á celebración da feira e do evento cabalar do 23 de abril, comunicarase  con antelación a súa celebración ou non en función da evolución da situación e das directrices do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia.

Por outra banda, a alcaldía tamén resolveu o peche -igualmente ata novo aviso- do castelo de Moeche, das naves do recinto feiral, da biblioteca municipal, da aula de informática e do polideportivo. Clausúranse, ademais, o Centro Cultural Francisco Piñeiro (Abade), o Local sociocultural de Abade, o Local do Pereiro (San Xurxo) e o Local da Casabranca (a antiga biblioteca). Nas instalacións municipais cedidas a entidades  sen fins de lucro ou  concesionadas a particulares deberanse respectar as normas publicadas este xoves á noite no DOG-49bis, relativas á celebración de reunións ou eventos en recintos pechados ou abertos cando o seu aforo sexa superior a 50 persoas.

Como medida preventiva de posibles contaxios, e para evitarlle á veciñanza máis desprazamentos dos estrictamente necesarios, recoméndase acudir ao Concello só para facer trámites imprescindibles. Lémbrase que as xestións máis sinxelas poden realizarse a través do teléfono 981 404 006 e que tamén se poden presentar solicitudes e facer outros trámites a través da sede electrónica.

En canto á prevención e aos protocolos de actuación, desde o Concello insístese en que cómpre seguir as instrucións ditadas polo Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade. En caso de ter algún síntoma leve coincidente cos da enfermidade -tose, febre ou dificultade para respirar-, deberase contactar co teléfono de información á cidadanía  900 400 116. Se os síntomas son máis graves e persistentes, se se viaxou a unha zona de risco das declaradas polo Ministerio ou se se tivo contacto con algunha persoa que dese positivo, débese chamar directamente ao 061.

Por último, o Concello recomenda evitar os espazos nos que se produzan aglomeracións de xente, non visitar residencias de maiores nin hospitais a excepción de casos de extrema necesidade e, importante, que se tomen as webs do Ministerio de Sanidade do SERGAS como únicas fontes informativas fiables ao respecto do coronavirus e da COVID-19. É fundamental evitar a propagación de “bulos” e a creación dun estado de alarma innecesario e contrario ao sentido común que debe prevalecer nesta situación.

Diario Oficial de Galicia número 49Bis, do 12 de marzo, onde se recollen as medidas anunciadas onte pola Xunta de Galicia