Beatriz Bascoy reunirase na mañá deste martes na Coruña co responsable provincial da Axencia Galega de Infraestruturas, Felipe de la Vega, co obxectivo de solicitar varias melloras urxentes na estrada de Ortigueira ao seu paso por Moeche. Ampliar a sinalización, marcar límites de velocidade ou colocar tapas nos foxos das cunetas son só algunhas das peticións que a rexedora lle trasladará á Xunta para que se leven á práctica o antes posible, mesmo antes de que se redacte o programa de mellora da seguridade entre San Sadurniño e Ponte Mera contratado pola Administración autonómica no mes de xullo. Neste sentido, o encontro servirá, ademais, para pedirlle á Xunta información puntual sobre ese proxecto de cara a garantir que nel se recollan as demandas municipais de maior alcance.
A Xunta adxudicoulle á empresa Typsa os traballos de redacción do plan técnico ao longo de 27 quilómetros da AC-862. Tanto a parte previa como a posterior execución dos traballos ascenden a 10 millóns de euros, que irán parar principalmente a rectificar alomenos 13 curvas entre Doso e Ponte Mera e en incrementar os terceiros carrís de subida en alomenos 6,5 quilómetros.
Estas son as dúas grandes características dun programa que agora deberá detallarse no correspondente proxecto, que a empresa adxudicataria deberá ter listo nos próximos quince meses. “Un dos obxectivos da xuntanza que lle solicitamos á AXI é o de ofrecerlle á Xunta e á empresa a colaboración municipal na fase de redacción, así como presentarlles as demandas que temos para asegurar que se incorporan ao proxecto. A máis reseñable é a construción de novos tramos de sendas peonís nas zonas onde se concentra máis poboación e onde agora mesmo non hai beirarrúas”, comenta Beatriz Bascoy.
Porén, mentres se redacta o proxecto, desde o Concello considérase necesario acometer “outras melloras urxentes e doadas de levar a cabo” para minimizar a sinistralidade da estrada, nomeadamente no tramo comprendido entre Sete Pontes e Finlle, na parroquia de Abade. “Nos últimos anos contamos varios accidentes, tres no que levamos de 2018, e algúns deles moi graves e con vítimas mortais”, explica a rexedora.
Entre as propostas que se lle trasladarán ao Xefe provincial da Axencia Galega de Infraestruturas están a de limitar e sinalizar a velocidade máxima no traxecto que discorre por Mil de Abaixo, Leboreiro, Senra e Finlle, incidindo “na efectividade da limitación” en cambios de rasante e lugares onde hai maior densidade de vivendas a un e outro lado da estrada.
Como melloras “inmediatas” tamén se apuntaron para a xuntanza a reposición de sinais deteriorados, o pintado de liñas discontinuas para facilitar as incorporacións “nos lugares onde a seguridade do tráfico o permita” e, por último, o tapado de arquetas de rexistro situadas preto das vivendas que, segundo alerta Beatriz Bascoy, “carecen de calquera tipo de protección para viandantes e vehículos”.
A alcaldesa reunirase con Felipe de la Vega este martes pola mañá nas dependencias da delegación da AXI na Coruña. Bascoy agarda “unha boa disposición” do responsable provincial da rede viaria autonómica, habida conta de que en anteriores ocasións “este departamento atendeu varias peticións veciñais canalizadas a través do Concello”. O encontro aproveitarase tamén para tramitar os permisos de instalación de varias marquesiñas nas marxes da estrada.
Últimos comentarios