Contaba a prensa de hai exactamente 35 anos que na feira de Moeche do 23 de outubro se venderan arredor de 60.000 quilos de fabas. Si, 60.000 quilos. 60 toneladas, que son moitas fabas de nuestro señor, como adoita dicirse. Iso era hai tres décadas. Hoxe xa non se produce tanto excedente, senon que máis ben hai produción para autoconsumo e quedan poucos que mercadeen cun legume que, por prezo e calidade, pode ser unha boa oportunidade de negocio para calquera que queira apostar pola terra como medio de vida. Quedou patente hoxe na III Feira da Faba, onde se vendeu moito xénero e a prezos -dependendo das calidades e das variedades- que ían desde os 3 ata moito máis de 10 euros por quilo. O Concello acertou adiantando a cita case un mes e converténdoa nun evento independente das feiras do 11 e do 23. Así o refrenda o numeroso público que pasou durante toda a mañá por San Ramón para conseguir faba boa e, de paso, facer a compra do día no mercado e probar as gorentosas racións de fabada preparadas pola asociación veciñal de Labacengos.

A entidade comentaba a media mañá que fixera as mesmas potas que nas dúas anteriores edicións pero que, por se acaso, aumentaran a cantidade de fabada nunhas 50 racións máis. E chegaron xustiñas, posto que sobre as 15.00h. -máis de dúas horas despois de empezar a repartir- venderan a totalidade das existencias: 316 cuncas para comer no propio recinto ou para levar para a casa. Por suposto, ninguén marchou con fame.

A de Labacengos foi unha das entidades do municipio que se implicou na organización da III Feira da Faba. Canda ela tamén a do Val de Moeche, que ocupou parte da nave cunha grande exposición dos traballos feitos en vimbio nos obradoiros que imparte ao longo do ano, e tamén un grande grupo de voluntarios e voluntarias -doutras asociacións e a título particular- que botaron unha man nos preparativos do evento. Beatriz Bascoy só tiña palabras de agradecemento para todas estas persoas: “nun concello coma o noso, pequeno e de recursos limitados, a colaboración da veciñanza é fundamental”, asegurou a rexedora engadindo que Moeche “é moi afortunado” por contar sempre coa implicación veciñal nas actividades que se organizan desde a Administración local.

A alcaldesa tamén se mostrou satisfeita do resultado da feira, aínda que a primeira hora da mañá tiña algunha que outra dúbida sobre se sería ou non boa idea adiantala practicamente un mes e, aínda por riba, separada das feiras mensuais do 11 e do 23. E a cousa funcionou. “Era un aposta que tiñamos para aproveitar a nave (ocupada nas feiras mensuais) e ao mesmo tempo dar a coñecer e potenciar o mercado dos sábados. O resultado foi moi bo. Houbo moita variedade e produto e os expositores quedaron contentos”.

A III Feira da Faba comezou co mercado, a iso das 10.00h. Os primeiros compases foron tímidos en canto a público. Pero a partir das 11 da mañá a antiga nave dos tecidos reconvertida en espazo comercial empezou a animarse. Desa hora en diante foi un non parar de xente que mercaba pan, empanadas, peixe, artesanía -produtos habituais do mercado- e mesmo algún que outro artigo para Defuntos, como flores e cirios, malia faltar aínda case dúas semanas.

Iso si, a protagonista indiscutible foi a faba en toda a súa variedade e en múltiples presentacións: de Lourenzá, verdina, de ril, en verde, seca, por xunto, en sacos individuais, en conservas… E, se non se vendeu toda, pouco lle faltou.

Luis Sanjurjo, habitual co seu posto en todas as citas de Moeche, comentaba cerca do mediodía que a feira lle parecía “moito mellor que as anteriores” e que o público viña con máis gana de comprar. Tiña fabas da zona desde os tres até os 10 euros, ademais doutros produtos de temporada como noces e as escasísimas e caras castañas -4/5€ quilo-. Cando recolleu o posto, cerca xa das 16.00h., fixo balance asegurando que vendera “o dobre” que na II Feira da Faba.

Tamén satisfeitos se mostraban os postos integrados na Cooperativa Terras da Mariña, que non daban feito embolsando faba e vendendo saquiños de froito acollido á IXP Faba de Lourenzá. Francisco Muíño, un dos seus membros, destacou que as transaccións se animaron desde media mañá. Traían uns 200 quilos de faba fresca, ademais de faba seca a granel. Vendérona case toda. Voltas da vida, se temos en conta que antano a xente da Mariña luguesa acudía a Moeche neste tempo para aprovisionarse de fabas.

Un artigo publicado por La Voz de Galicia o 24 de outubro de 1983 -un día despois da feira do 23- aseguraba que daquela -fai 35 anos o martes- se chegaran a vender 60 toneladas de faba. En 35 anos pasaron moitas cousas: o agro especializouse no gando, a poboación foi a menos e está cada vez máis avellentada e hoxe os fabais mantéñense maiormente para autoconsumo.

A alcaldesa sinalaba que “antes viña xente da Mariña comprar aquí a faba e agora veñen vendérnola eles a nós”, declaración que Bascoy deixa no aire convidando a reflexionar sobre como a aposta por un produto da terra diferenzado e de calidade pode converterse “nun importante reforzo” para unha economía do rural variada e sustentable que se centre en abastecer os mercados de proximidade. “Hai moito potencial, só hai que aproveitalo, e desde o Concello queremos que feiras coma esta, as feiras do 11 e do 23 e os mercados semanais vaian espertando de novo o interese pola terra. Ademais, desde a área de Desenvolvemento local tamén estamos estudando novas propostas para que as pequenas explotacións poidan transformar aquí os seus produtos e xerar así maior valor engadido”.

A III Feira da Faba de Moeche deuse por clausurada cerca das cinco da tarde, case tres horas despois do previsto no programa. Pola mañá tamén houbo un obradoiro para a rapazada, unha actuación ben vistosa da agrupación tradicional Alxibeira do Padroado da Cultura do Concello de Narón e o sorteo de varios lotes de produtos.