Xa sabemos algo máis dos Reis Magos de Oriente. Descubrímolo hoxe á tardiña durante a visita anticipada que fixeron a Moeche e foi Melchor quen nos deixou ver o rechamante estampado dos calcetíns, coñecido como Paisley. E é que as SS.MM. son soberanos veteranos que despois de tantos centos de anos atendendo a rapazada tampouco reparan en manter a compostura, senón que prefiren tratar coa cativería de ti a ti, sen moita cerimonia. Son tipos verdadeiramente “campechanos” que non dubidan en sentar a carón se iso lles facilita parolar cos nenos e nenas, escoitar as súas peticións ou incluso botarlle unha rápida visual ás súas cartas para verificar na súa presenza o listado e evitar así que se produzan disgustos pasado mañá pola mañá. Sentar no chan foi o que fixo Melchor, o boss deste máxico triunvirato da ilusión, e foi nese momento cando lle vimos os calcetíns, que tamén se chaman de Cachemira por ser desa rexión do lonxano Oriente de onde é orixinario este curioso deseño semellante a paramecios vistos ao microscopio. Seguro que Melchor os mercou aló antes de saír de viaxe, co obxectivo de ter os pés ben quentiños durante a longa noite que lles espera mañá.
Os Reis Magos de Oriente chegaron cerca das 19.00h., hora prevista no programa deseñado polo Concello e máila ANPA do CEIP San Ramón. Desde que as recepcións se celebran na Nave do mercado nunca tanta xente houbera para darlles a benvida entre unha chuvia de caramelos e corazóns infantís a mil por hora ante semellantes persoeiros.
Baltasar, Gaspar e Melchor sentaron en cadanseu trono e, vista a impaciencia da cativería, non demoraron moito en empezar a atender peticións. Xogos, libros, bonecas… trebellos de nomes raros que saen na TV pero que eles coñecen de sobra… os tres magos foron tomando nota mental de todas as cousas que lles ían recitando a xeito de recordatorio do xa escrito nas cartas, que nestes momentos deben estar a piques de chegar ao seu destino. Tamén houbo algúns pequenos que aproveitaron a audiencia real para entregarlles a carta na man, sen dúbida a mellor estratexia para asegurarse de que a reciben ou quizais o único modo de facerlles saber cambios de última hora.
Namentres, as mamás e papás -e avós e avoas- afanábanse por inmortalizar o momento cos seus móbiles. A nenez pasa rápido e son momentos coma este os que permiten capturar e gardar para sempre estampas de ilusionada inocencia que a idade irá borrando pouco a pouco.
Os tres reis marcharon preto das oito do serán coa mesma auréola máxica coa que entraran. Un neno preguntaba ao despedilos se Melchor, Gaspar e Baltasar ían saír voando unha vez estivesen fóra. Un ávido adulto respostoulle ao momento: “si, van saír voando, pero van a pé ata a igrexa de San Xoán, que deixaron alí amarrados os camelos”.
Xa sen reis, moitas familias aínda botaron un bo anaco na Nave do mercado, onde durante a tarde houbo un obradoiro de maquillaxe, dous castelos inchables, unha tirafonda para lanzar pelotas de esponxa contra grandes cubos de plástico… e un riquísimo chocolate quente servido pola ANPA do CEIP San Ramón acompañado de abondosos, saborosos e crocantes churros.
Últimos comentarios