Encaramos a última semana de escola e as derradeiras festas do ano, sinaladas no calendario para os reencontros familiares, os agasallos e para gozar do tempo de lecer na compaña da nosa xente. O Concello ten preparados varios eventos desde este venres ata a chegada dos Reis Magos do Oriente, que no caso de Moeche adiantan dous días a súa visita para dedicarlle máis tempo a escoitar as peticións da rapazada. No medio teremos panxoliñas, deporte e a celebración o sábado 29 do primeiro aniversario do Mercado, que incluirá entre a súa oferta habitual varias propostas culturais paralelas.

Empezamos a relación de eventos polo que hai previsto para a tarde deste venres 21 de decembro.  A compañía A Trastenda dos contos trae á biblioteca municipal ás 17.00h. “Que medo!!”, un espectáculo para pasar medo e morrer de risa, para sentir en carne propia as emocións que sempre estiveron presentes nos contos da lareira e nos contos para durmir. Caxoto Contacontos -o condutor da sesión- fará un percorrido polas fontes da tradición oral galega, pola nosa historia, pola dos nosos devanceiros, costumes tradicionais, feitos históricos relevantes… mesmo nos explicará como moceaban as nosas avoas e os nosos avós. A obra chega a Moeche en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A mañá do sábado da lotaría, o 22 de decembro, é día de mercado en San Ramón e tamén día en que a rapazada andará a ganar o aguinaldo polo centro urbano, animando coas súas panxoliñas o seu primeiro día de vacacións do Nadal. O Concello quere recuperar a tradición de cantar polas rúas nestas datas e por iso invita a pequenos e grandes a que se sumen á comitiva que percorrerá tendas e negocios de hostalaría ata rematar na nave do Mercado sobre as 13.00h. Pódense traer instrumentos de todo tipo: pandeiretas, castañolas, chifres, frautas, gaitas… Iso si, fai falla inscrición previa a través do 981 404 006 ou do correo pilar.pazo@moeche.gal. Hai 40 prazas dispoñibles -se é alguén máis tampouco vai pasar nada- e a rapazada menor de 6 anos terá que vir acompañada dunha persoa adulta.

Ao día seguinte é día de feira do 23 que por cadrar en domingo e ás portas do Nadal promete ser unha das máis concorridas do ano á procura sobre todo de materia prima para os menús da Noiteboa, aínda que tamén como escusa para saír da casa e vir dar unha volta por unha cita que conserva intacta a súa esencia tradicional.

Deporte para a semana central do Nadal
As vacacións do Nadal son un tempo en que a rapazada anda pola casa sen moito máis que facer que pasar o día xogando ou botando unha man nas tarefas domésticas. Para encherlles o tempo, o Concello organiza tres xornadas gratuítas nas que practicar distintos deportes dos considerados como minoritarios e para facelo na compaña dun familiar adulto, como pode ser a nai, o pai ou algún dos avós. As propostas desenvolveranse o mércores 26 con patinaxe no pavillón municipal -quendas de 11 a 12.30h. e de 19 a 20.30h.-, o xoves 27 cun torneo de tiro con arco -tamén no pavilón de 11 a 13.00h.-, e o venres 28 con clases de introdución e perfeccionamento en Pilates, aínda que neste caso a rapazada fará exercicios moi suaves por tratarse dun método pensado para persoas adultas. Haberá tamén dous turnos: un de 11 a 12.30 e outro de 19 a 20.30h. O lugar elixido para as dúas sesións é a antiga biblioteca municipal.

As inscricións nestes obradoiros deben facerse no 981 404 006 ou no correo daniel.feijoo@moeche.gal. O prazo para apuntarse remata ás 14.00h. do venres 21 de decembro.

Aniversario do Mercado de Moeche e visita dos Reis
O sábado 29 de decembro farase un ano da apertura do mercado semanal dos sábados na antiga nave dos tecidos de San Ramón, un espazo totalmente renovado e equipado para acoller eventos comerciais e tamén culturais. Neste tempo o mercado foi consolidándose pouco a pouco como un referente comarcal onde atopar produtos agroalimentarios frescos e elaborados -horta, froita, queixos, marmeladas, etc-, pan, peixe, artesanía, flor e outros artigos. Todo o necesario, en definitiva, para encher e decorar as mesas por estas datas ou en calquera outro momento do ano.

Nesta edición de primeiro aniversario, o Mercado de Moeche ofrecerá unha entretida programación paralela cun obradoiro de fabricación de candeas de Nadal e Aninovo -dirixido por persoal da Casa do Mel de Goente-, outro de elaboración de galletas artesás, a cargo de Eva Quetti Orjales, e unha actividade de iniciación á cestaría pensada para a rapazada en colaboración coa asociación Val de Moeche. A participación nos obradoiros é gratuíta e as inscricións deberán facerse no propio recinto.

Ademais, antes do remate do mercado sortearanse varios agasallos entre as persoas que fixesen algunha compra ao longo da mañá. Ah, e nun dos recunchos poderase admirar o grande e detallado Nacemento que decora o espazo durante este tempo de Nadal e Reis asi como deixar as voas cartas na caixa do Correo Real.

E, falando dos Reis, cómpre lembrar que os Magos do Oriente volverán pasar por Moeche un pouco antes de tempo para poder escoitar con máis detemento todas as peticións que lles queiran facer os nenos e nenas. A recepción real terá lugar na nave do Mercado o xoves 3 de xaneiro a iso das 18.30 ou 19.00h. Pero antes da súa chegada, desde as 17.00h., o Concello e maila ANPA do CEIP San Ramón organizan unha grande festa de benvida animada por La GuaGua na que teremos inchables, música, obradoiros e, para rematar a tarde, un saboroso chocolate con churros.

Todos os eventos poden consultarse no apartado da Axenda.