Faltan pouco máis de dúas semanas para que Moeche acolla a cuarta edición da Feira do Queixo. Un evento que, malia a súa xuventude, é xa un escaparate imprescindible do sector. A feira contará con representación de 25 queixarías da comarca, do resto de Galicia e doutros puntos do Estado, ademais de Lácteos Moeche, que colabora na organización. A grandes trazos manterase a estrutura doutros anos, concentrando na nave do Mercado desde pola mañá á tardiña toda a actividade expositiva e comercial, así como os obradoiros paralelos, as catas e actuacións musicais previstas ao longo da xornada. A data é a sabida desde hai uns días: o domingo 17 de marzo, pero nos días previos desenvolverase unha intensa campaña promocional e, ademais, nesta edición contarase por primeira vez cun queixo convidado.

A Feira do Queixo de Moeche naceu co obxectivo principal de ser un punto de encontro para mostrar a excelencia da transformación leiteira na comarca e dar a coñecer o Queixo de Moeche, pero tamén como un xeito de reivindicar o potencial dunha parte do sector primario con longa tradición na nosa zona. Porén, o éxito alcanzado na primeira edición levou ao Concello a reforzar a súa organización dándolle cabida a un maior número de queixarías procedentes doutros puntos de Galicia e do resto do territorio estatal, convertendo o evento nun mosaico de sabores e presentacións que se rodea desde os seus comezos dunha chea de propostas culturais, gastronómicas e turísticas.

Para a cita do domingo 17 de marzo confirmaron a súa asistencia un total de 25 firmas  de Moeche, de San Sadurniño  e da totalidade dos queixos galegos con denominación de orixe. Na listaxe entran tamén queixarías de Asturias, Castela-León, Estremadura, Cantabria, Asturias e mesmo Francia, que achegarán toda a súa variedade apuntalada con outras especialidades de calidade, como pan, mel e doces tradicionais que maridan de forma excepcional co produto estrela da feira.

O programa completo do propio día -desde as 10 até as 19.30h.- e as actividades promocionais paralelas que vai desenvolver o Concello daranse a coñecer proximamente. Pero o que si podemos adiantar é que nesta edición se estreará o convite a unha zona de produción destacada pola súa calidade e por ser exemplo dunha aposta polo queixo como dinamizador da economía rural.

Para esta cita o convidado será o queixo Gamonéu, das zonas de Onís e Cangas de Onís, un dos máis exquisitos -e tamén exclusivos- que se producen en Asturias. Trátase dun elaborado dos Picos de Europa feito con leite de vaca, ovella e cabra ou con mezcla destes tipos de leite. Graxo e afumado, obtén boa parte da súa indentidade gracias á maduración en covas. Hai dúas variedades, a do val e a do porto. Esta última é a que segue os procesos de elaboración máis tradicionais e tamén a que adoita obter prezos máis elevados, que roldan os 40€ por quilo. De feito, na poxa que se fai no Certame anual do Queixo Gamonéu é habitual que a peza gañadora alcance os 2.500 ou 3.000 euros.

Ademais de reservar un lugar destacado para este queixo na feira do día 17 de marzo, o Concello de Moeche tamén está convidado a visitar nos próximos días a localidade de Onís con dúas finalidades: coñecer os pormenores do produto e, sobre todo, coller ideas da parte organizativa do Certame do queixo de Gamonéu que se celebra nesa vila asturiana a finais de outubro.