A Corporación deulle este xoves o visto e prace aos investimentos que se prevén facer no ano que entra con gargo ao Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña, coñecido como POS+. O organismo municipal reservou para Moeche unha partida total de 291.000 euros para destinalos a investimentos e gasto corrente, da que cómpre detraer algo máis de 90.000  en concepto de préstamo ao que o Concello non se acollerá. Polo tanto, o volume económico total que se aprobou cos votos favorables do BNG e PP ascende a 204.680 euros -preto de 4.000 poraos o propio consistorio-, aos que cómpre engadirlles a previsión de investir en obras outros 96.134 na medida en que o ente provincial xere novas partidas económicas ao longo de 2019.

De toda a contía resultante -uns 300.000 euros- o Goberno Local decidiu reservar 131.442 euros para o financiamento de gasto corrente municipal e dedicar o resto a investimentos. Porén, antes de detallar como se distribuirá cada partida non está de máis resumir como funciona o Plan Único de Concellos POS+.

Este programa financeiro promovido polo actual goberno bipartito da Deputación supuxo un cambio substancial no xeito en que este organismo distribuía os fondos para cada municipio, dándolles maior autonomía para decidir o seu destino e garantíndolles que as bolsas económicas xeradas por baixas ou por xeracións de novos recursos volvesen a eles de forma proporcional.

O caso de Moeche para o ano 2019 permite entendelo mellor. A partida reservada pola deputación foi de 291.043,44 euros. Esa cantidade correspóndese con 131.442,67 euros da achega correspondente para o ano que entra -de acordo, entre outros, con criterios de poboación-, máis outros 69.326,94 euros procedentes do superávit provincial -que tamén se volve repartir entre os municipios- e, por último, 90.273,83 euros en forma de préstamo en condicións moi vantaxosas que o Concello tería a opción de suscribir se o considerase necesario, aínda que non vai facelo posto que xa tirou desa posibilidade en 2015 e facelo de novo suporía “un endebedamento innecesario”, tal e como explica Beatriz Bascoy.

Polo tanto, a cantidade fixa que hai comprometida son 200.769,61 euros de achega de 2019 e achega de 2018 que Moeche dedicará a sufragar os gastos de funcionamento -electricidade, combustibles, mantemento, etc.- e tamén a obras. En concreto levarase a cabo un macroproxecto cifrado en 73.238,19 euros -case 4.000 poraos o Concello- que prevé por unha banda aglomerar máis de 5.000 metros cadrados do recinto feiral de San Ramón e, pola outra, renovar o firme do camiño das Pedreiras -entre a estrada de Ortigueira e o límite con San Sadurniño-, aproveitando para reparar o saneamento e maila beirarrúa existente na zona.

Pero non para aí a cousa. As propias bases do POS+ marcan que os concellos deben presentar proxectos a maiores cunha valoración económica do 25% da cantidade total reservada. É dicir, os municipios teñen que ter definidos de antemán investimentos que se financiarían ao longo de 2019 con novas partidas que a Deputación sexa capaz de xerar. É o denominado “Plan Complementario” e Moeche aprobou tamén onte no pleno tres proxectos por valor de 96.134,95 euros. Todos eles teñen que ver coa seguridade viaria e teñen orzamentos semellantes: 31.929 euros para pavimentar os camiños das Filgueiras e Libureiro-A Casanova, outros 33.568 para reparar o camiño da Ribeira e da estrada de San Xiao e, por último, 30.636 euros cos que o Concello quere instalar marquesiñas e cerramentos para os colectores do lixo en  Balocos, Abade, Castelo, Santa Cruz, A Casanova, Vilapedre e outros lugares.

A rexedora local, Beatriz Bascoy, sinalou que estes investimentos “atenden a unha distribución territorial equitativa dos fondos dispoñibles”, ademais de responder “a peticións veciñais e necesidades detectadas que debemos ir cubrindo pouco a pouco”.