Hai exactamente un ano que abría as súas portas o mercado semanal dos sábados na antiga nave dos tecidos de San Ramón, un espazo totalmente renovado e equipado para acoller eventos comerciais e tamén culturais. Neste tempo o mercado foi consolidándose pouco a pouco como un referente comarcal onde atopar produtos agroalimentarios frescos e elaborados e outros artigos. Todo o necesario, en definitiva, para encher e decorar as mesas por estas datas ou en calquera outro momento do ano. Para celebrar o primeiro ano de vida do mercado, o Concello preparou unha programación especial que apuntalará un evento ben atractivo xa de por si.

Coma sempre, o Mercado de Moeche arrancará sobre as 10 da mañá ateigado de produto da máxima calidade, sobre todo alimentación que, de seguro, terá boa saída con destino ás ceas de fin de ano. De feito hai quen encarga dun sábado para outro peixes e mariscos, pero tamén será posible mercar froita -as uvas non poden faltar-, queixos, horta, marmeladas, empanadas e mesmo artesanía e flor coas que darlle un toque de distinción á última festa familiar de 2018.

Algúns trucos cos que sorprender aos convidados e convidadas habémolos aprender a través dos tres obradoiros que organiza o Concello, todos eles gratuítos. A Casa do Mel de Goente ensinaranos a fabricar candeas de Aninovo utilizando cera de panal, que admite centos de formas e decoracións. Outra das actividades estará dirixida pola nosa veciña Eva Quetti, toda unha experta en repostaría que desta vez mostrará a maneira de preparar riquísimas galletas. A última proposta é un curso acelerado de iniciación á cestaría dirixido á rapazada en colaboración coa asociación veciñal Val de Moeche. As inscricións en calquera deles deberán facerse no propio recinto.

Ademais, neste mercado de primeiro aniversario -e derradeiro de 2018- sortearanse varios agasallos entre as persoas que fagan algunha compra ao longo da mañá.

Estando como estamos no tempo de Nadal e Reis, un dos recunchos do espazo exhibe un grande Nacemento e ao seu carón estará durante boa parte da mañá un carteiro real para recoller as misivas dirixidas aos Magos do Oriente, que chegarán a Moeche na tarde do xoves 3 de decembro. Ese día -dous antes que noutros lados- haberá a partir das 17.00h. animación con La GuaGua, música e chocolate con churros. A recepción aos Reis está organizada en colaboración coa ANPA do CEIP San Ramón.