Increméntanse as medidas estatais para reducir ao minímo os desprazamentos e a concorrencia de persoas co obxectivo de baixar tamén ao mínimo as posibilidades de contaxio do coronavirus. No canto de decretar un peche xeralizado da industria e doutras actividades -algo que podería ter consecuencias económicas catastróficas-, o Goberno do Estado optou por unha vía máis suave publicando un Real Decreto-lei que crea a figura do permiso remunerado recuperable que será de aplicación desde hoxe e ata o 9 de abril, ambos días incluídos. A medida é, de facto, unha interrupción produtiva en todos os ámbitos laborais, agás no caso de 25 supostos considerados como esenciais que aparecen recollidos como anexo no real decreto. Entre eles están os referidos ao mantemento da cadea produtiva alimentaria -agricultura e gandeiría incluídas-, o comercio de produtos básicos -alimentos, medicamentos, estancos…-, os servizos sanitarios e a atención domiciliaria ás persoas, os servizos de limpeza, o transporte e a loxística, e outros sectores que poderán seguir funcionando, mentres que todos os non reflectidos no anexo deberán parar desde mañá mesmo. A norma publicouse pouco despois das 11 da noite do domingo -menos dunha hora antes da súa entrada en vigor-, sen tempo para que nas empresas estudasen o seu contido e sementando incertidume entre moitas delas pola falla de concreción sobre cales poderán funcionar con normalidade e cales non. Finalmente, o Ministerio de Sanidade aclarou onte á noite a través do BOE que esta medida laboral non será de aplicación para as persoas autónomas e que, polo tanto, “poderán continuar prestando os seus servizos normalmente” a menos que xa estivesen suspendidos pola declaración do Estado de Alarma de hai dúas semanas.

Unha das principais indefinicións que presentaba a normativa do permiso remunerado e recuperable é que só se fala de traballadores e traballadoras por conta allea, é dicir, as que están empregadas. Nada se mencionaba sobre os autónomos e autónomas. Neste sentido, o BOE publicou o luns á noite  unha aclaración con respecto ás novas medidas laborais, na que se indica que os autónomos poderán continuar traballando sempre que a súa actividade non estea suspendida polo RD 463/2020, de 14 de marzo, no que se decretou o Estado de Alarma.

Por outra banda, as empresas que poidan seguir continuar funcionando -as que non teñan que acollerse obrigatoriamente ao permiso rertribuído- deberán emitirlles aos seus empregados e empregadas un documento con formato de declaración responsable para que poidan acreditar perante as autoridades os movementos que fagan entre o lugar de residencia e o lugar de traballo. O modelo dese documento encóntrase como anexo no BOE.

O permiso retribuído e recuperable para o persoal de empresas non esenciais prolongarase do 30 de marzo ao 9 de abril. As empresas terán que concederlles permisos pagados aos seus traballadores e traballadoras durante ese tempo e, unha vez se normalice a situación (e antes do 31 de decembro), deberán recuperarse as horas non traballadas. Queda nas mans da patronal e dos sindicatos de cada empresa o acordo sobre como se van recuperar esas horas que, botando contas, veñen supoñer de aquí ao 9 de abril un total de 8 xornadas completas, xa que hai unha fin de semana polo medio.

A este permiso retribuído e recuperable non poderán acollerse os traballadores e traballadoras que estean nun ERTE, quen estea facendo teletraballo ou quen se encontre en situación de incapacidade temporal ou con permisos por maternidade. Tampouco se lles aplica aos autónomos, posto que “non podería facerse efectiva nin a contraprestación económica nin a recuperación de horas”, tal e como sinala a orde aclaratoria do Ministerio de Sanidade publicada onte á noite.

O Real Decreto 10/2020, de 29 de marzo, ten como finalidade reducir a niveis de fin de semana os desprazamentos por motivos laborais e a actividade das empresas durante as próximos 15 días, co obxectivo de minimizar así posibilidades de contaxio do coronavirus. Polo tanto, insistimos, as actividades esenciais que deberán aplicar o permiso retribuído e recuperable para traballadores e traballadoras por conta allea son as que se poidan encadrar nalgún dos seguintes apartados:

1. As que realicen as actividades que deban continuar desenvolvéndose ao amparo dos artigos 10.1, 10.4, 14.4, 16, 17 e 18, do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e da normativa aprobada pola Autoridade Competente e as Autoridades Competentes Delegadas.

2. As que traballan nas actividades que participan na cadea de abastecemento do mercado e no funcionamento dos servizos dos centros de produción de bens e servizos de primeira necesidade, incluíndo alimentos, bebidas, alimentación animal, produtos hixiénicos, medicamentos, produtos sanitarios ou calquera produto necesario para a protección da saúde, permitindo a distribución dos mesmos desde a orixe ata o destino final.

3. As que prestan servizos nas actividades de hostalería e restauración que prestan servizos de entrega a domicilio.

4. As que prestan servizos na cadea de produción e distribución de bens, servizos, tecnoloxía sanitaria, material médico, equipos de protección, equipamento sanitario e hospitalario e calquera outros materiais necesarios para a prestación de servizos sanitarios.

5. Aquelas imprescindibles para o mantemento das actividades produtivas da industria manufactureira que ofrecen as subministracións, equipos e materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das actividades esenciais recollidas neste anexo.

6. As que realizan os servizos de transporte, tanto de persoas como de mercadorías, que se continúen desenvolvendo desde a declaración do estado de alarma, así como daquelas que deban asegurar o mantemento dos medios empregados para iso, ao amparo da normativa aprobada pola autoridade competente e as autoridades competentes delegadas desde a declaración do estado de alarma.

7. As que prestan servizos en Institucións Penais, de protección civil, salvamento marítimo, salvamento e prevención e extinción de incendios, seguridade das minas, e de tráfico e seguridade viario. Así mesmo, as que traballan nas empresas de seguridade privada que prestan servizos de transporte de seguridade, de resposta ante alarmas, de rolda ou vixilancia descontinua, e aqueles que resulte preciso utilizar para o desempeño de servizos de seguridade en garantía dos servizos esenciais e o abastecemento á poboación.

8. As indispensables que apoian o mantemento do material e equipos das forzas armadas.

9. As dos centros, servizos e establecementos sanitarios, así como ás persoas que (i) atendan maiores, menores, persoas dependentes ou persoas con discapacidade, e as persoas que traballen en empresas, centros de I+D+i e biotecnolóxicos vinculados ao COVID-19, (ii) os animalarios a eles asociados, (iii) o mantemento dos servizos mínimos das instalacións a eles asociados e as empresas subministradoras de produtos necesarios para a devandita investigación, e (iv) as persoas que traballan en servizos funerarios e outras actividades conexas.

10. As dos centros, servizos e establecementos de atención sanitaria a animais.

11. As que prestan servizos en puntos de venda de prensa e en medios de comunicación ou axencias de noticias de titularidade pública e privada, así como na súa impresión ou distribución.

12. As de empresas de servizos financeiros, incluídos os bancarios, de seguros e de investimento, para a prestación dos servizos que sexan indispensables, e as actividades propias das infraestruturas de pagos e dos mercados financeiros.

13. As de empresas de telecomunicacións e audiovisuais e de servizos informáticos esenciais, así como aquelas redes e instalacións que os soportan e os sectores ou subsectores necesarios para o seu correcto funcionamento, especialmente aqueles que resulten imprescindibles para a adecuada prestación dos servizos públicos, así como o funcionamento do traballo non presencial dos empregados públicos.

14. As que prestan servizos relacionados coa protección e atención de vítimas de violencia de xénero.

15. As que traballan como avogados, procuradores, graduados sociais, tradutores, intérpretes e psicólogos e que asistan ás actuacións procesuais non suspendidas polo Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e, desta maneira, cumpran cos servizos esenciais fixados consensuadamente polo Ministerio de Xustiza, Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas con competencias na materia e plasmados na Resolución do Secretario de Estado de Xustiza de data 14 de marzo de 2020, e as adaptacións que no seu caos poidan acordarse.

16. As que prestan servizos en despachos e asesorías legais, xestorías administrativas e de graduados sociais, e servizos alleos e propios de prevención de riscos laborais, en cuestións urxentes.

17. As que prestan servizos en notaríalas e rexistros para o cumprimento dos servizos esenciais fixados pola Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública.

18. As que presten servizos de limpeza, mantemento, reparación de avarías urxentes e vixilancia, así como que presten servizos en materia de recollida, xestión e tratamento de residuos perigosos, así como de residuos sólidos urbanos, perigosos e non perigosos, recollida e tratamento de augas residuais, actividades de descontaminación e outros servizos de xestión de residuos e transporte e retirada de subproductos ou en calquera das entidades pertencentes ao Sector Público, de conformidade co establecido no artigo 3 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público.

19. As que traballen nos Centros de Acollida a Refuxiados e nos Centros de Estancia Temporal de Inmigrantes e ás entidades públicas de xestión privada subvencionadas pola Secretaría de Estado de Migracións e que operan no marco da Protección Internacional e da Atención Humanitaria.

20. As que traballan en actividades de abastecemento, depuración, condución, potabilización e saneamento de auga.

21. As que sexan indispensables para a provisión de servizos meteorolóxicos de predición e observación e os procesos asociados de mantemento, vixilancia e control de procesos operativos.

22. As do operador designado polo Estado para prestar o servizo postal universal, co fin de prestar os servizos de recollida, admisión, transporte, clasificación, distribución e entrega aos exclusivos efectos de garantir o devandito servizo postal universal.

23. As que prestan servizos naqueles sectores ou subsectores que participan na importación e subministración de material sanitario, como as empresas de loxística, transporte, almacenaxe, tránsito aduaneiro ( transitarios) e, en xeral, todas aquelas que participan nos corredores sanitarios.

24. As que traballan na distribución e entrega de produtos adquiridos no comercio por internet, telefónico ou correspondencia.

25. Calquera outras que presten servizos que fosen considerados esenciais.

Prohíbense os velorios e só tres familiares no enterro
Dentro da dureza de todas as medidas adoptadas para combater o coronavirus hai unha publicada hoxe que ten unha significación especial, posto que se refire á prevención de contaxios en velorios e enterros, momentos nos que despedimos por última vez aos nosos seres queridos.

Tal e como reflicte o BOE, mentres dure o Estado de Alarma non se poderán celebrar mortorios, nin aqueles que teñan lugar en tanatorios nin tampouco en domicilios particulares.

Aos enterros ou cerimonias de cremación só poderan asistir 3 familiares ou persoas achegadas, ademais de quen se encargue de oficiar o rito, sexa pola confesión que sexa.

As empresas funerarias non poderán subir os prezos dos seus servizos por riba dos que tivesen en vigor antes da declaración do Estado de Alarma.

 

Real Decreto-lei 10/2020, de 29 de marzo, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais, coa fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra a COVID-19

Orde SND/307/2020, 30 de marzo, pola que se establecen os criterios interpretativos para a aplicación do Real Decretolei 10/2020, de 29 de marzo, e o modelo de declaración responsable para facilitar os traxectos necesarios entre o lugar de residencia e de traballo. (onde se sinala que non o RD 10/2020 non é de aplicación a autónomos/as)

Orde SND/298/2020, de 29 de marzo, pola que se establecen medidas excepcionais en relación cos velorios e cerimonias fúnebres para limitar a propagación e o contaxio pola COVID-19