A FEGAMP organizou para hoxe no concello coruñés de Boqueixón as III Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia baixo o título “Unha aposta clave para promover o enfoque de Dereitos da Infancia no ámbito local”. O foro -que conta con colaboración de UNICEF e da Consellaría de Política Social- ten por obxectivo promover o coñecemento do modelo de participación infantil que xa implantaron nove municipios galegos, entre eles Moeche, de cara a que a experiencia destes pioneiros lles sirva de exemplo a outras administracións locais. En representación do noso concello acudiron á cita por parte do CLIA Leticia Caaveiro Mera e Emily Méndez Rañal, acompañadas de Beatriz Bascoy e da técnica de Desenvolvemento local, Raquel Novo.

As representantes de Moeche e dos  consellos da infancia e a mocidade de Teo, Porriño, Ponteareas e O Barco mantiveron un encontro coa conselleira de Política Social, Fabiola García, e coa directora xeral de Familia, Amparo González, a quen lles trasladaron a súa preocupación polo futuro do planeta e, nomeadamente, a necesidade da acción institucional para frear o cambio climático e a contaminación ambiental. Caaveiro e Méndez tamén aproveitaron o encontro coas responsables autonómicas para reclamarlle á Xunta a restitución do servizo de Pediatría tal e como se viña prestando en Moeche, San Sadurniño, Cerdido e As Somozas ata hai case un ano, como dereito recollido na Convención dos Dereitos do Neno da ONU.

Trala xuntanza, os CLIA’s foron expoñéndolle ao auditorio -formado por representantes de municipios de toda Galicia- cales están sendo as liñas de traballo en cada un deles para levar á práctica o Programa Cidades Amigas da Infancia de UNICEF. O distintivo, co que neste momento contan nove concellos galegos, recoñece o impulso da participación infantil na xestión municipal, tanto desde o punto de vista da defensa dos dereitos da rapazada como no da súa implicación na toma de decisións sobre a gobernanza de cada territorio.

Moeche repasou as iniciativas que se puxeron en marcha no municipio desde novembro de 2017 -momento no que se aprobou a creación do Consello Local da Infancia e a Adolescencia- promovidas polas nenas e nenos. Entre elas a elección do modelo de xogo que debía instalarse no colexio, a decisión sobre o nome que debía levar a principal vía do centro urbano, a escolla das cores do peche do CEIP San Ramón, a petición de equipamentos e de programas culturais e de lecer específicos, etc. O CLIA recolleu estas achegas con procesos participativos propios entre a poboación infantil e adolescente nos que tivo un papel fundamental o Grupo de Participación Infantil, órgano de carácter executivo que se reúne todos os meses para deseñar as estratexias que despois se lle propoñen ao Concello.

Alén deste traballo, o CLIA de Moeche tamén está coordinado cos dos outros municipios. De feito, no mes de xuño o grupo modestino participou no I Encontro autonómico de consellos locais celebrado no concello de Castrelo de Miño. Daquela xornada de convivencia e de intercambio de ideas saiu un manifesto que abrangue reivindicacións -e tamén propostas- relacionadas coa participación, a educación, a protección da infancia e o freo ao cambio climático.

De todas estas cuestións deron hoxe conta no Pazo de Quián -Boqueixón- os nenos e nenas que participaron como relatoras na xornada organizada pola FEGAMP en colaboración con UNICEF Galicia e a Consellaría de Política Social. Ao foro asistiron preto dun cento de persoas entre cargos políticos e persoal técnico de 35 municipios galegos interesados en darlle á rapazada maior protagonismo na toma de decisións e na xestión pública.