A última sesión da Xunta de Goberno Local aprobou as bases polas que se rexerá a concesión de bolsas para axudarlles ás familias do municipio cos gastos formativos e de transporte relacionados coa educación da rapazada, tanto para a que curse estudos obrigatorios como postobrigatorios. Neste sentido, o Concello reservou unha partida global de 12.000 euros que se distribuirán entre solicitantes que cumpran os requisitos e que teñan matrícula no CEIP San Ramón ou en centros de ESO, Bacharelato, Formación Profesional e universidades, ademais de cubrir tamén parte dos custos de quen estea estudando ensinanzas superiores de música, artes escénicas ou artes plásticas e deseño, sempre que se trate de centros públicos. Hai dúas modalidades compatibles entre si e con axudas doutros organismos (agás coas do MECD): unha para gastos educativos e outra para gastos de transporte, á que poderá acollerse o alumnado que deba desprazarse fóra do concello para ir a clase. A contía total de ambas bolsas pode chegar -dependendo da renda familiar- a 475€ por estudante. O prazo de solicitude estará aberto durante 15 días hábiles trala publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e no Sistema Nacional de publicidade de subvencións, prevista para dentro duns días.

O Concello incluiu no orzamento municipal deste ano unha reserva de crédito de 12.000 euros -3.000 menos que en 2018- para axeitar este capítulo á demanda real das axudas. En anos anteriores habilitáronse partidas de 15.000 euros das que, finalmente, só se distribuían arredor de 10.000 e ese é o motivo de que para a presente convocatoria se tomase esa cantidade como base e se lle engadisen outros 2.000 euros de marxe por se houbese máis peticións. Cómpre ter en conta, ademais, que se ben as bases municipais especifican a compatibilidade das bolsas coas outorgadas por outras administracións -sempre que a achega non supere os gastos totais subvencionables-, hai organismos -como é o caso do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte- que só permiten acollerse ás súas propias axudas.

No tocante aos criterios de concesión, as bases da convocatoria que publicará en breve o Concello mantéñense igual que o ano pasado. As contías que se poderán percibir veñen definidas en tramos segundo os estudos e o tipo de axuda que se solicite -para actividade e/ou para desprazamento- e, en calquera caso, pola renda per cápita da familia referida ao exercicio fiscal de 2018.

Así as bolsas  para actividades relacionadas coa formación van desde os 100 euros que se poderán percibir en Educación Infantil até os 250 dos estudos universitarios e superiores, sempre que a renda per cápita familiar sexa inferior a 6.000 euros. No tramo de 6.000 a 9.000 euros -tope de renda per cápita para poder acollerse ás axudas- a bolsa vai desde os 75 até os 185 euros.

Ademais destas axudas ao estudo, tamén se poderán solicitar axudas para gastos de transporte do alumnado matriculado en centros de fóra de Moeche: 125€ se hai ata 35 quilómetros de distancia, 175€ se o centro está entre 35 e 100 quilómetros e 225 se o estudantado ten que desprazarse máis de 100 quilómetros. Isto no caso de rendas familiares per cápita inferiores aos 6.000 euros. Se se está no seguinte tramo -de 6.000 a 9.000 euros de renda- as axudas serán, segundo as distancias, de 100, 125 e 150 euros, respectivamente.

As familias poderán solicitar as bolsas de estudo e as axudas ao desprazamento para máis dun membro da unidade sen que isto lles supoña unha redución na cantidade asignada. Ponse como condición que o alumno ou alumna para o que se solicite non sexa maior de 25 anos e que alomenos un dos pais ou titores legais (a menos que pida a axuda en nome propio por ser maior de idade), así como a propia persoa beneficiaria, figuren no padrón de habitantes en Moeche. Este requisito non será esixible no caso de alumnado do CEIP San Ramón e que pertenza a concellos limítrofes.

Outras condicións que se establecen na convocatoria son a obrigatoriedade de ter matrícula no curso completo, agás no caso de estudos universitarios e ensinanzas superiores, onde o mínimo serán 30 créditos. No caso dos estudos postobrigatorios será requisito imprescindible ter superado no curso 2018-2019 alomenos a metade das materias oficiais correspondentes. Por último tamén fai falla recordar que das axudas están excluídos os estudos de postgrao.

Haberá que prestarlle atención ao BOP nos próximos días. Primeiro publicarase nel a convocatoria, que tamén se enviará ao Sistema Nacional de publicidade de subvencións e, unha vez saia neste portal estatal -ademais de volver saír como extracto no boletín provincial-, empezará a contar o prazo de 15 días hábiles para presentar a solicitude, algo do que se dará conta tamén a través das redes sociais do Concello. Con todo, quen queira ir adiantando o papeleo -que se deberá tramitar a través da Sede Electrónica ou presencialmente no Rexistro Municipal- pode ver o contido completo das bases e descargar o modelo normalizado de solicitude nesta ligazón.

CADRO COS IMPORTES DAS AXUDAS SEGUNDO OS TRAMOS DE RENDA PER CÁPITA FAMILIAR

Axudas para realización de actividades relacionadas coa formación:

Ensino Renda per capita < 6.000 € Renda per capita entre 6.000 e 9.000 €
Educación infantil

100,00

75,00

Educación primaria

150,00

112,00

ESO e PCPI

150,00

112,00

Bacharelato e ciclos formativos

200,00

150,00

Universidade e estudos superiores

250,00

185,00

Educación especial

125,00

90,00

Axudas por desprazamentos por motivo de estudos:

Distancia Renda per capita < 6.000 € Renda per capita entre 6.000 e 9.000 €
Ata 35 quilómetros

125,00

100,00

Máis de 35 e ata 100 qm

175,00

125,00

Máis de 100 qm

225,00

150,00

Bases reguladoras da convocatoria de axudas en materia de educación e transporte

Pódense descargar aquí os documentos para presentar a solicitude:

Anexo I

Anexo II

Anexo III

Anexo IV