Desde este luns 16 de marzo e durante un período inicial de 15 días, nas dependencias municipais de Moeche a atención presencial ao público limitarase a casos de “extrema urxencia e imperiosa necesidade”, tal e como se recolle nun bando publicado pola alcaldesa Beatriz Bascoy. Ademais, antes de acudir ao Concello será obrigatorio chamar ao 981 404 006 de cara a que o persoal municipal sopese a urxencia da xestión. Por outra banda, e por mor das medidas de emerxencia adoptadas pola Xunta e o Estado, o Concello tamén limitará a atención domiciliaria do SAF exclusivamente ás persoas  dependentes, previo informe do departamento de Servizos Sociais. En paralelo, a Administración local e mailo tecido asociativo acaban de crear un grupo de comunicación para coordinar, de ser necesario, o apoio a persoas maiores ou que vivan soas.
 
O Concello deu o paso de solicitar a colaboración das entidades asociativas para ter unha rede de información que permita coñecer con rapidez calquera necesidade ou incidencia das veciñas e veciños que viven sós e que, nesta situación de limitación da circulación, necesiten axuda para desprazamentos por alimentos, medicamentos ou outras necesidades básicas.
Con este fin, o Concello e os colectivos do municipio crearon un grupo de comunicación permanente que, na práctica, funcionará como unha rede de apoio durante este período inicial de quince días “e mentres sexa necesario”, tal e como indicou Beatriz Bascoy. “Non sabemos canto vai durar a situación. O que si sabemos é que debemos permanecer na casa e reducir os desprazamentos aos imprescindibles e permitidos polo estado de alarma. Hai xente que non ten unha rede de apoio familiar ou que ten lonxe os parentes que habitualmente lles botan unha man. Aínda que o decreto de alarma permite os desprazamentos neses casos, é máis operativo e tamén máis solidario que sexan veciñas ou veciños das parroquias quen poidan axudar a esas persoas que viven soas ou que non teñen outro xeito de ir á compra ou á farmacia”.
A alcaldesa incide na importancia de respectar as medidas excepcionais adoptadas polo Goberno do Estado. “Temos que actuar con responsabilidade para axudar a conter o avance do virus, e iso significa atender ás restricións da mobilidade, pero tamén ás recomendacións de hixiene, como son lavar as mans frecuentemente, tusir contra o brazo ou nun pano de usar e tirar, non tocar o nariz e os ollos e evitarmos o contacto próximo con outras persoas…pola súa saúde e pola nosa”.
 
De cara a evitar desprazamentos e tamén preservar a saúde do persoal municipal, o Concello decidiu que a atención ao público na sede consistorial tamén se reduza só aos casos que sexan imprescindibles. Por este motivo só se poderá acudir ao Concello previa chamada ao 981 404 006 no horario habitual de atención ao público: de 8.30 a 14.00h. Tamén se pode solicitar cita en correo@moeche.gal e suxírese que para trámites ordinarios se utilice a sede electrónica municipal: https://moeche.sedelectronica.gal/info.0
Por outra banda, o consistorio tamén dirixirá a actividade do seu Servizo de Axuda no Fogar exclusivamente ás persoas dependentes ou que precisen este tipo de asistencia, de acordo cos informes técnicos de Servizos Sociais.