O Concello efectuou nos primeiros días deste mes o pagamento das axudas destinadas a bolsas de estudo e a gastos de desprazamento do alumnado de Moeche que estuda fóra do municipio. Para o curso 2017-2018 reserváronse 15.000 euros -3.000 máis que en 2016- dos que, finalmente, se asignaron 10.232, na súa maior parte para axudarlle ás familias cos materiais e outros custes da formación en centros de ensino públicos. En total concedéronse 66 axudas que o Concello resolveu, adxudicou e pagou en tempo récord, xa que as peticións recibidas se tramitaron en escaso mes e medio.
A alcaldesa e responsable da área de Benestar, Beatriz Bascoy, destacou a importancia social desta liña de axudas, á que puido acollerse o alumnado do CEIP San Ramón e tamén aquel que cursa os seus estudos fóra do municipio. “Asignáronse 54 bolsas de estudo por un importe de 8.307€, o que fai unha media de 153€ por solicitude. Unha cantidade que sen ser astronómica, si é de grande axuda para calquera familia”, comenta Bascoy.
A metade das bolsas foron para alumnado de infantil e primaria do CEIP San Ramón, mentres que as 27 restantes beneficiaron a mocidade que cursa ESO, programas de cualificación profesional e estudos universitarios ou superiores.
A convocatoria municipal ofrecía tamén a opción de solicitar axudas para o desprazamento por razóns de estudo. Neste caso atendéronse unha ducia de peticións, cunha asignación global de 1925 euros. O promedio das axudas para o transporte situouse en 160 euros por solicitude.
O prazo de presentación da documentación estivo aberto ata mediados de novembro e a Xunta de Goberno Local resolveu a concesión de ambas liñas o pasado 27 de decembro, co obxectivo de que as familias puidesen ter ingresadas as cantidades correspondentes co arranque do novo ano. “Aceleramos no posible a tramitación para evitar esperas innecesarias, pero tamén para asegurar que as familias dispuxesen dos cartos antes da chamada costa de xaneiro”, explicou a rexedora local.
Últimos comentarios