O último ordinario pleno deste 2019 celebrado hai uns días tiña como un dos seus asuntos principais a aprobación de como se van distribuír no ano que entra os fondos do POS+ e do Plan complementario da Deputación. No primeiro apartado dedicaranse a gastos de funcionamento -luz, subministración de auga, etc. – un total de 110.212,16 euros, ademais de reservar outros 26.672,35 -máis 7.354,69 que porá o Concello- para a pavimentación do eixo San Xiao-Vilachave-As Barbelas. Por outra banda, no caso do Plan complementario que o ente provincial dotará de fondos procedentes dos seus remanentes, o Goberno local optou por incorporar catro proxectos valorados en 167.636,08 euros que se centrarán en máis amaños de pistas, no acondicionamento dos accesos a Soutogrande e nas redes de iluminación e abastecemento de auga. Entre Plan complementario e POS+ Moeche xestionará preto de 312.000 euros. A asignación destes fondos saiu adiante cos votos favorables do grupo do BNG.

A cuestión debateuse no pleno ordinario do pasado 18 de decembro. O Consistorio debía aprobar a súa participación nos programas provinciais e, ao mesmo tempo, darlle o visto e prace aos proxectos cos que cubrir os importes reservados nas distintas liñas que convoca a Deputación provincial no marco do POS+. Son catro: unha parte para pagamento a provedores, outra para financiamento de gasto corrente, outra para financiamento de investimentos -que se sufraga con achegas directas do ente provincial- e unha cuarta para reducir débeda -se existise- que podería financiarse cun préstamo sen xuros e con cómodos prazos de carencia e de devolución.

A partir de aí son os concellos quen deciden como encadrar as partidas e, neste caso, Moeche optou por dedicar boa parte do total da achega directa ao sostemento económico de servizos básicos como son o gasto en iluminación pública ou os custes da recollida de lixo e do abastecemento domiciliario de auga potable. Neste capítulo van 110.212,16€.

Para investimentos preparouse un proxecto de algo máis de 34.000 euros cos que arranxar a pista que vai desde San Xiao até As Barbelas pasando por Vilachave, no límite con Cerdido. Desa cantidade o Concello porá 7.354 euros e o demáis -26.672,35€- correrá por conta da Deputación. Polo tanto, a Administración local non botará man en 2020 nin do crédito provincial nin tampouco da reserva para pago a provedores.

Con todo, comparando o que vai para gasto corrente e o que vai para investimento podería parecer que as cifras están demasiado desequilibradas ou que se destina pouco a obras. Pero a realidade é distinta, xa que na distribución de fondos provinciais tamén hai que contar co que depara o Plan complementario, un programa que a Deputación obriga a solicitar coa previsión de financialo cos remanentes económicos de 2019.

Serán un total de 167.636,08 euros, que irán parar á pavimentación de camiños en Abade, San Ramón, Balocos e Ramil -56.548,19€-; á mellora do aforro na rede municipal de abastecemento de auga e a pavimentación dun camiño en San Xurxo -30.888,89 €-; á mellora da iluminación da estrada da Feira -37.771,58€- e a diversas actuacións na pista de acceso e nas propias instalacións da área recreativa de Soutogrande, cifradas no correspondente proxecto en 42.427,42€.