Chegamos ao outono dun ano vizoso en todo: na froita, nas noces, nas castañas… e tamén na horta da que sae a faba, produto estrela da feira que se celebra en Moeche na mañá deste sábado. Pero como é habitual nos outonos galegos, o máis probable é que chova. Así o indican as previsións de Meteogalicia para toda a xornada, nas que se asegura que teremos trebóns alternados con momentos algo máis enxoitos e, en todo caso, frescos. Tendo en conta que a IV Feira da Faba de Moeche se celebra na abrigosa nave do mercado, temerlle á auga non é razón para non vir. É máis, cun tempo así… ¿que mellor sitio para pasar a mañá?. Argumentos sobran: moita variedade de fabas e doutros produtos, tanto frescos como transformados, artesanía e, ademais, fabada quentiña e moi rica que empezará a servirse sobre as 12.00h. Ah, e tamén actividades paralelas: un obradoiro de maxia para a rapazada, unha exposición de traxes tradicionais, sorteos e o espectáculo participativo “As Armadanzas na punta do pé”.

Na organización da feira colaboran co Concello a Deputación da Coruña, a AVV Labacengos -encargada de preparar e distribuír as racións de fabada- e tamén a do Val de Moeche, quen instalará no recinto a exposición de traxes provenientes da colección da familia Garrote. O evento arranca ás 10 da mañá xuntando no mesmo espazo a oferta habitual dos mercados sabáticos con outros produtos de temporada, principalmente as fabas que achegarán os postos da comarca e tamén da zona da Mariña luguesa. Haberá moita e boísima faba rodeada de máis cousas: pan e doces das panaderías da zona, chocolates traídos desde Ribadeo por Bombones Moreno, mel e produtos apícolas da Casa do Mel de Goente, queixos de aquí e tamén da zona de San Simón da Costa (da Queixaría Prestes), chacinas ancareñas comercializadas por Embutidos Suarna, etc. Canda o alimento, o recinto tamén reserva espazo para a artesanía das Lolas da Cascarilla -bonecas feitas con plana de millo-, para os artigos de coiro elaborados por Ana y Marcus, as bolsas e cestos de Stela ou a bixutería que atoparemos no posto de Bypi Artesanía.

En canto á oferta de actividade paralela, o Concello preparou un programa que atende a todas as idades. Pensando na cativería haberá un obradoiro de maxia e malabares -11.30h.- coordinado por LaGuaGua, que é sinónimo de diversión e entretemento, e para familias ao completo virán Montse Rivera e Mercedes Prieto coa proposta “Armadanzas na punta do pé” para ensinar puntos dos bailes tradicionais galego e portugués. Empezarán sobre as 13.00h. e, de seguro, han rodearse ao momento de ducias de persoas participando da festa.

No programa figuran outros fitos para non perder: a partir das 12.00h. comezará a degustación de fabada preparada pola veciñanza de Labacengos ao prezo de 3€ a ración e, cara ás 14.00h., sortearase un lote de produtos entre todas as persoas que fixesen compras na feira. Ese será o momento en que se dará por finalizado un evento que, tamén seguramente, ha prolongarse ata ben entrada a tarde, mentres haxa xente -de Moeche nunca se empón a ninguén-  e xénero para vender.

As racións de fabada darán para xantar por abondosas e sabedoras e, mentres non se vexa o fondo das potas, sempre queda a opción de mercar outro tícket para recuncar. Ademais, con motivo da cita tamén abrirán os postos de polbo e churrasco dos días de feira e en calquera dos restaurantes da zona pódese gozar dunha boa mesa. Iso si, mellor reservar antes para non ter que agardar.