Galicia e o resto do Estado vólcanse este venres coa celebración dunha xornada reivindicativa en feminino que leva máis dun século celebrándose en distintos países, aínda que non foi ata 1975 cando a ONU institucionalizou a data do 8 de marzo. En todo ese tempo, desde que o feminismo obreiro empezase a organizarse a prol dos seus dereitos como colectivo ata a actualidade, cambiaron fronteiras, mudaron as circunstancias sociais e tamén as económicas. Houbo avances importantes sobre o papel en forma de leis a prol da igualdade plena que propiciaron un cada vez maior empoderamento da muller. Pero aínda así, o día a día demostra que a necesaria transformación da sociedade para equilibrar a balanza vai máis lenta do debido. Por ser mulleres seguimos soportando a maior parte do traballo doméstico, por ser mulleres temos máis dificultade para acceder ao mercado laboral, por ser mulleres atopamos máis atrancos para chegar a postos de responsabilidade e, por sermos mulleres, segue pesando sobre nós a lousa do maltrato como unha conduta aínda normalizada e aceptada en moitas sociedades. Por iso o 8M e a loita feminista fan un chamamento ao cambio. Non se trata de ir contra os homes, senón de construírmos entre todas -mulleres e homes- un espazo de igualdade coas ferramentas  da educación, da corresponsabilidade e da lexislación. Argumentos que o Concello de Moeche fai seus no día a día e que se reforzan neste mes de marzo con actividades que nolos recordan. 

O programa do 8 de Marzo en Moeche comeza este mesmo venres da man da asociación veciñal de Labacengos. A entidade organizou  unha cea en feminino aberta a socias e non socias  e incluso a mulleres doutros concellos. O encontro -para o que era necesaria inscrición previa- terá lugar en Casa Pena a partir das 21.30h.  Xunto coa cea e a parola, durante a noite tamén haberá varios sorteos.

Porén, o Concello tamén quere simbolizar dalgún xeito o papel fundamental de nós, as mulleres, como estrutura que terma da sociedade. Por iso volve optar por unha foto de grupo e en feminino. O ano pasado por estas datas o chamamento  municipal logrou xuntar a máis dun cento de mulleres para unha foto que retratase o maior número de mulleres do Moeche de 2018. Daquela acudiron á cita máis dun cento delas e este ano quérese repetir a experiencia dedicándolle a foto ás xeracións do mañá. Neste sentido, desde a Administración local lanzouse un convite para que as nenas e mozas menores de idade sexan protagonistas da instantánea  “Moeche, futuro en feminino”.

A fotografía tomarase na parte dianteira da nave do mercado o sábado ás 11.00h. Posteriormente farase unha impresión en grande formato que acompañe nun lugar preeminente da casa consistorial á imaxe captada o ano pasado. Agárdase a asistencia dunhas 40 pequenas e adolescentes.

Homenaxe á persoa de maior idade e á máis nova

Tamén o sábado haberá un oco para facer unha pequena homenaxe á persoa de maior idade do concello e á mais nova, que son dúas mulleres, unha que supera  os 100 anos e outra de  5 meses recén cumpridos. As dúas representan, como moitas  outras,  dous tempos diferentes para as mulleres. Desde o Concello  farase o retrato delas como imaxe da importancia  das mulleres no pasado, no presente e no futuro de Moeche, non sempre visibilizada

Obradoiro “Tempo de mulleres, por ti mesma”
Encadrado nas accións dirixidas principalmente ás mulleres, o Concello tamén organizou para os venres do 22 de marzo ao 12 de abril o obradoiro “Tempo de mulleres, por ti mesma” impartido por Laura Balado. A actividade céntrase na reflexión e o autocoidado de cara a que as participantes sexan conscientes do ritmo de vida que levan, sobre todo cando son quen soportan o coidado familiar e mesmo de persoas dependentes. Unha situación que se repite nunha casa si e noutra tamén e que conleva unha sobrecarga física e emocional da que moitas veces a muller non se dá conta.  Volcadas como están no coidado doutras persoas non reparan en que elas tamén precisan coidarse e que, quizais, toda a súa vida xira arredor da tarefa de coidar, sen tempo nin espazo vital para si.

Ser conscientes da situación e reconducila para ganar en calidade de vida son, a grandes trazos, os eixos destes obradoiros que se desenvolverán no local social de Abade entre as 17.30 e as 19.30h. As inscricións hai que facelas a través de correo@moeche.gal ou presencialmente no departamento de Benestar Social ou no teléfono 981 404 006. A actividade é gratuíta e as prazas limitadas.