O Concello de Moeche participou este domingo en Benia de Onís, Asturias, no Certame do Queixo Gamonéu como municipio convidado e tamén como unha das institucións galardoadas co Gamonéu de Ouro, outorgado polo Concello de Onís a aquelas persoas e entidades que contribúen á promoción deste queixo artesán dos Picos de Europa. Ata alí acudiu unha delegación modestina composta por máis dun cento de veciñas e veciños -en dúas excursións organizadas polas AVV Val de Moeche e Labacengos-, ademais dunha representación do goberno local con Beatriz Bascoy á cabeza.
A comitiva visitou distintos lugares desa zona asturiana e tamén asistiu ao certame anual, onde se deron cita un total de 13 queixarías, 10 delas produtoras do tipo de queixo “del Valle” e 3 da variedade máis exclusiva “del Puertu” que se elabora con leite dos prados de alta montaña para logo madurar nas covas kársticas da zona.
O evento é o escaparate máis importante dun tipo de queixo que bota man do leite de vaca, de ovella e cabra, ben por separado ou ben mesturando dous deles e incluso distintas proporcións dos tres. Unha vez cuallado e prensado, o queixo afúmase para protexelo e déixase madurar durante alomenos dous meses nun ambiente frío e húmido.
Os auténticos queixos de Gamonéu pasan ese tempo nas covas dos montes que existen en toda a comarca, lugar onde van criando a súa característica capa tostada e unha pasta que tira ao amarelo con pequenas manchas verdes ou azuladas resultado da penetración dos fungos. É un queixo de textura dura que se esmigalla con facilidade, ademais de desfacerse na boca cun gusto lixeiramente picante.
Benia de Onís acolle unha vez no ano a feira monográfica na que se poñen á venda os queixos feitos nos vales e tamén os que se seguen producindo nas zonas máis altas -os queixos d’el puertu-, que son tamén os máis cotizados. Ademais, o evento conta cunha poxa con fins solidarios que este ano alcanzou a cifra de 2.800 euros por dúas pezas -unha de cada ámbito de produción- que foron parar a unha sidraría de Madrid. A contía íntegra da poxa doaráselle á Asociación Síndrome de Down do Principado de Asturias.
No medio dos Gamonéu tamén houbo queixos galegos -algo excepcional nesta cita- levados ata alí por Lácteos de Moeche. A empresa local exhibiu e vendeu os seus produtos, contrapunto dos queixos anfitrións pola súa suavidade e consistencia semicurada.
Ademais dos queixos modestinos, ata Benia tamén se achegaron máis dun cento de veciñas e veciños nas dúas excursións organizadas pola AVV Labacengos e a AVV Val de Moeche. No medio das expedicións contábase, ademais, unha representación do goberno local que, en todo caso, lle volveron desta maneira á xente de Onís a visita feita no mes de marzo á Feira do Queixo de Moeche que tivo como convidado neste 2019 ao Gamonéu. Aquela promoción que se fixo do queixo asturianu na feira modestina valeulle ao Concello o recoñecemento co Gamonéu de Ouro o pasado domingo. A distinción -unha pequena figura dun pastor- entregouse no transcurso do certame.
Últimos comentarios