A Xerencia de Xestión Integrada do SERGAS en Ferrol confirmou este mediodía a nova que xa circulaba entre a veciñanza desde hai algúns días: o Centro de Saúde de Moeche -ademais dos de Cerdido e As Somozas- quedan desde esta semana sen atención pediátrica especializada e, ademais, o centro de referencia pasa ser o de San Sadurniño, a onde as familias deberán acudir, tamén desde xa, para as consultas infantís. Esta reestruturación obedece ao cambio de destino da anterior pediatra, que o SERGAS cubrirá os luns, mércores e venres cun médico puericultor e os martes e xoves con dous facultativos procedentes do Fontenla Maristany que en ningún dos tres casos posúen a especialidade en Pediatría. A información da que dispón o Concello apunta a que estas condicións se manterán polo menos durante os dous próximos meses. Desde a Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol terían expresado o seu compromiso de dotar o Centro de Saúde de San Sadurniño dun ou dunha pediatra tan pronto como sexa posible, aínda que sen despexar a incógnita de se, chegado o momento, tamén se recuperarán as consultas itinerantes.
Ata hai tan só uns días San Sadurniño contaba cunha pediatra titulada que tamén se desprazaba a outros municipios para pasar consulta en días concretos durante parte da mañá. Así, os martes acudía a Cerdido, os mércores ás Somozas, os xoves viña a Moeche e os luns e venres estaban reservados por enteiro a usuarias e usuarios de San Sadurniño.
Porén, a facultativa obtivo un concurso de traslado para ocupar praza en Pontedeume e, en consecuencia, o SERGAS reestruturará a atención infantil nos catro municipios introducindo cambios substanciais. O de maior trascendencia para Moeche é a eliminación das visitas ao noso Centro de Saúde, co que as familias con nenos e nenas de Moeche -igual que as de Cerdido e As Somozas- terán que desprazarse obrigatoriamente a San Sadurniño para pasar consulta. “Unha das disculpas que poñen é que non hai pediatras”, comenta Beatriz Bascoy. “Desde a xerencia dixéronnos que enviarían un ou unha especialista tan pronto puidesen, dándonos a entender que se trata dunha situación conxuntural. Por outra fonte soubemos que vai ser así durante polo menos dous meses e ninguén nos dá garantías de que pasado ese tempo vaiamos ter unha solución a longo prazo”.
O segundo cambio importante é que a praza vacante de San Sadurniño estará ocupada por un médico puericultor que atenderá os luns, mércores e venres, mentres que os martes e xoves se desprazarán ao Centro de Saúde do concello veciño dous facultativos -un cada día- procedentes do Fontenla Maristany. En ningún caso se trataría de médicos con especialización en Pediatría. “Non dubidamos da súa capacitación profesional e incluso recoñecemos o esforzo que asumen os dous médicos do Fontenla Maristany que van dobrar turno. Pero pensamos que o SERGAS debería telo previsto e debería ter cuberta a praza xa hai tempo cun ou cunha pediatra titulada, sen esperar a que o posto quedase baleiro para cubrilo agora desta maneira”, comentaba esta mesma tarde o alcalde de San Sadurniño, Secundino García. Para el, o feito de que sexan tres médicos distintos quen cubran a atención sanitaria dos nenos e nenas “é un parche que vai en contra da relación de confianza e da atención personalizada que requiren as familias. Aínda que os historiais médicos sexan compartidos, pensamos e demandamos como mellor e máis efectivo que sexa sempre a mesma persoa quen atenda os pequenos e que poida facelo durante moito tempo en condicións laborais estables”.
Beatriz Bascoy e Secundino García mantiveron un encontro este mediodía para analizar un problema que segundo a alcaldesa evidencia que “en plena ‘lexislatura do rural’ somos precisamente os concellos rurais os que máis sufrimos os recortes e o desmantelamento de servizos. Pasa co ensino, pasa co tren e agora con algo tan básico como unha atención especializada para os nosos nenos e nenas. Estas non son as condicións axeitadas para fixar poboación e para ter un rural vivo”. Secundino García sinala que este problema “obedece á falla de previsión, a unha organización deficitaria e a unha precarización cada vez máis evidente da sanidade pública galega”
Os responsables municipais de Moeche e San Sadurniño aseguraron que ambos concellos están dispostos a “facer todo o que estea na nosa man” para demandar do SERGAS un servizo de pediatría “prestado en boas condicións e con persoal especializado”, ademais de esixir que se recupere a atención itinerante nos centros médicos de Moeche, Cerdido e As Somozas “como viña sendo ata agora”.
Últimos comentarios