As obras contaron cun orzamento de licitación de  78.750 euros -IVE incluído-, e son financiadas pola Deputación da Coruña nun 80% , e polo Concello , no 20% restante, no marco do convenio asinado anteriormente  polo deputado provincial de Contratación e Patrimonio, Xesús Soto, e a alcaldesa, Beatriz Bascoy que permite  avanzar no plan de actuacións de renovación integral do recinto feiral.

En Moeche comezaron as obras  de mellora e accesibilidade do recinto feiral,   tras pasar a Feira do Cabalo o 23 de abril, a cargo da empresa  Urespa Proyectos y Obras , que resultou adxudicataria no proceso de licitación por un importe de 66.543,66€,   iniciado polo concello no mes de xaneiro.  O Concello retoma as licitacións de obras, incluídas en convenios ou no Plan único financiadas pola Deputación da Coruña, logo de que durante o 2018  fose a Deputación a encargada desa competencia.

O concepto xeral da obra atende á renovación de varandas, a mellora de accesos a edificios, o amaño de deficiencias de drenaxe e a un cambio no aspecto xeral das instalacións feirais, seguindo o camiño iniciado coa nave do mercado. Contemplan a mellora da seguridade no contorno das naves e no acceso desde o espazo de estacionamento, a finalización do remodelado da nave do mercado -antiga nave dos tecidos-, onde se preparará a entrada traseira, o acondicionamento da rede de saneamento no contorno da antiga nave de verduras, darlle un lavado de cara exterior ao espazo do polbo e reforzar a seguridade no exterior dos recintos dedicados a gando e cabalos.

Cuestións todas elas estéticas e de salubridade coas miras postas en que o lugar sexa máis atractivo, accesible e tamén seguro para as persoas usuarias. As primeiras accións iniciáronse no espazo multiusos, onde teñen a súa sede varias entidades do municipio ademais doutros servizos de apoio ao sector primario. Os cinco locais existentes recibirán un tratamento exterior contra as humidades e dentro do proxecto tamén se lles construirán novos aseos adaptados a persoas con mobilidade reducida

Responden estas obras a  unha nova fase do plan global de actuacións sobre o recinto feiral que desde o 2016 iniciou o  Concello para  a posta en valor do equipamento feiral, para darlle un novo pulo como referente económico vinculado ao sector primario e o comercio de proximidade , como  motor comercial do sector primario da comarca. A  promoción do espazo de San Ramón comezou pola nave dos tecidos para convertela en mercado dos sábados e lugar de eventos, continua agora con esta renovación xeral e o proxecto de  mellora da iluminación interior e exterior da nave do mercado e agarda encamiñar en breve a posta en marcha do centro de transformación alimentaria, para continuar coas naves restantes.

Por outro lado, complétase esta actuación coa licitación en breve dun dos proxectos acollidos ao POS+  que permitirán aglomerar máis de 5.000 metros cadrados do espazo feiral.