O Concello de Moeche está convidado ao 40º Certame do Queixo Gamonéu que se celebra en Benia de Onís (Asturias) este domingo 27 de outubro. A empresa local Lácteos de Moeche será a única queixaría non asturiana que contará cun expositor nesta feira e, ademais, ao evento tamén asistirá unha delegación do Concello para recibir o premio Gamonéu de Ouro pola promoción que se fixo deste queixo na pasada edición da feira modestina. O certame do Gamonéu é un dos eventos máis importantes do Estado no referido á comercialización deste produto, un dos máis exclusivos que se poden atopar no mercado nas súas variantes “del valle” e “del puertu”. O prezo medio do quilo do máis caro -o que se produce nos portos de alta montaña- anda sobre os 40 euros. Porén, durante o certame póxanse as mellores pezas de ambas variantes que, en 2018, alcanzaron a cifra de 4.000 euros. Do espectáculo da poxa e tamén da feira poderán gozar os 150 veciños e veciñas anotados nas dúas excursións que organizan as asociacións veciñais de Labacengos e do Val de Moeche.

O queixo Gamonéu ten Denominación de Orixe Protexida e prodúcese ao xeito tradicional desde hai séculos nos Picos de Europa, concretamente nos concellos de Onís e Cangas de Onís. Pártese de leite de vaca, de ovella ou de cabra, ou dunha mestura dos tres. Unha vez cuallado e prensado, o queixo afúmase para protexelo e déixase madurar durante alomenos dous meses nun ambiente frío e húmido.

Os auténticos queixos de Gamonéu pasan ese tempo nas covas kársticas que existen en toda a comarca, lugar onde van criando a súa característica capa tostada e unha pasta que tira ao amarelo con pequenas manchas verdes ou azuladas resultado da penetración dos fungos. É un queixo de textura dura que se esmigalla con facilidade, ademais de desfacerse na boca cun gusto lixeiramente picante.

Todo un luxo para o olfato e o padal que cada ano ten a súa propia feira na localidade de Benia de Onís. Alí póñense á venda os queixos feitos nos vales e tamén os que se seguen producindo nas zonas máis altas -os queixos d’el puertu-, que son tamén os máis cotizados. Ademais, o evento conta cunha poxa con fins solidarios que o ano pasado alcanzou a cifra de 4.000 euros por dúas pezas -unha de cada ámbito de produción- que foron parar a un restaurante de Madrid. A contía íntegra da poxa do próximo domingo doaráselle á Asociación Síndrome de Down do Principado de Asturias.

Por outra banda, o Concello de Onís tamén recoñece o labor de promoción do produto que fan institucións, entidades ou particulares e, neste 2019, un dos premios virá para o Concello de Moeche en agradecemento polo convite feito polo consistorio para que os queixos asturianos participasen na feira monográfica celebrada en San Ramón o pasado mes de marzo.

Para recoller o galardón acudirá unha representación do equipo de goberno encabezada pola alcaldesa, Beatriz Bascoy. Acompañarán a expedición arredor de 150 veciñas e veciños inscritos nas dúas excursións organizadas para ese día pola AVV Labacengos e pola AVV Val de Moeche que, se ben terán itinerarios distintos, farán parada conxunta no Certame do Queixo Gamonéu. Así, no caso de Labacengos a viaxe tamén se achegará á vila costeira de Cudillero, mentres que a organizada por Val de Moeche subirá ao santuario de Covadonga. Para ver se aínda quedan prazas dispoñibles pódese contacta cos teléfonos de ambas entidades: o 606 729 038 no caso da AVV Labacengos -35€ persoas socias e 40€ non socias- e o 622 916 160 para apuntarse na viaxe de Val de Moeche, cun prezo de 40€ para persoas socias e de 45€ para non socias.

O sábado, aniversario da AVV Labacengos
A véspera da excursión, a asociación veciñal de Labacengos vai facer os seus 15 anos de vida traballando para a xente da parroquia e tamén para a de fóra que quere desfrutar das actividades que organiza. Este aniversario van celebralo no local social do Ventoeiro cunha divertidísima montaxe da agrupación teatral do CMI Unidade de Fene titulada “A tenda do convento”. Unha obra con todos os ingredientes para rir a cachón tomando como fío condutor a crise que se vive nun convento por causa dos malos resultados económicos da tenda onde venden ao público os seus produtos artesanais. A busca dunha solución aos números vermellos desencadeará unha chea de situacións de moita risa servidas por esta compañía amadora, que chega a Moeche dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Cando acabe a representación servirase un rico chocolate con churros. A entrada no teatro é gratuíta. Porén, a asociación concibiu a celebración cunha finalidade solidaria e por iso se recollerán doazóns de produtos de primeira necesidade -conservas, leite, pasta, legumes, produtos infantís e de hixiene persoal, etc.- que se lle entregarán despois ao Banco de Alimentos Rías Altas de Ferrol.