A feira de Moeche foi desde sempre un dos referentes no norte de Galicia para a compra e venda de gando, especialmente do vacún de carne. Hoxe o comercio e distribución das vacas e becerros modernizouse, de xeito que o comercio de antano lle deu paso a un negocio por xunto onde as feiras tradicionais xa non son o epicentro dunha actividade que trascende fronteiras. Con todo, o realmente importante, a crianza do gando, mira en pleno século XXI a xeitos de manter ancestrais, vencellados á terra, aínda que combinados con técnicas de manexo do presente, co obxectivo de optimizar o rendemento sen perder de vista a calidade como trazo diferenzador nun mercado globalizado. Poñer en valor o gando do país e tamén dignificar e recoñecer o labor que se fai nas nosas gandeirías é unha das metas que se fixa o Concello ao organizar a III Feira do Gando vacún de Moeche que se celebra este sábado, día 23 de xuño. Nela poderemos ver arredor de 90 animais excepcionais e, ademais, asistir á mostra do I Concurso fotográfico organizado pola área de Cultura e Deportes con motivo do evento. O último día para participar no certame é este mércores enviando as imaxes a correo@moeche.gal.

A III Feira do Gando vacún de Moeche encádrase no calendario anual impulsado polo Concello co obxectivo de relanzar as instalacións do mercado como referente comercial en toda a comarca. Dunha banda están as citas de todos os sábados na remodelada nave dos tecidos, con produto variado e de boa calidade ao que se lle arriman en ocasións propostas lúdicas e culturais e, da outra, están as feiras do 11 e do 23 que amplían a súa oferta, o seu ambiente e o seu rebumbio a todo o recinto de San Ramón.

Na feira do 23 deste mes de xuño o protagonismo será para a Rubia Galega cunha exposición de animais procedentes de granxas inscritas no libro de rexistro xenealóxico desta raza autóctona, unha das seis que hai en Galicia e a que conta cun maior número de exemplares na súa cabana, con 25.800 reprodutores ao remate de 2017. E é que o gando rubio gozou de sempre de grande predilección entre os gandeiros e gandeiras polas súas aptitudes cárnicas e como animal de labranza. Delas hoxe en día só se valora a primeira, sendo ademais unha das razas de referenza para a crianza baixo o distintivo da IXP Ternera Gallega.

Entre os animais expostos o sábado poderemos ver a Gallarda, unha femia de 13  anos e case unha tonelada de peso que este mesmo venres participará como representante da Coruña no concurso “Miss Vaca 2018” do programa Luar. Gallarda é filla de Romera e de Gallardo II -un dos touros máis exitosos do banco da ACRUGA, descendente do mítico Rufo III- e, ademais, tamén é nai de Princesa, unha vaca que o ano pasado quedou segunda a nivel galego no mesmo certame televisivo.

Este exemplar -propiedade de Mar Rego, de San Xurxo- compartirá espazo na nave do gando xunto con preto dun cento de vacas, xatos e bois de Rubia Galega. A finalidade da mostra é “poñer en valor o traballo produtivo e ambiental que fan as nosas gandeiras e gandeiros e, ao mesmo tempo, exhibir con orgullo animais criados como se fixo toda a vida, con cariño e co mellor da terra”, comenta Beatriz Bascoy. A alcaldesa agradeceu tamén “a implicación das gandeirías do concello, xa que sen a súa axuda sería imposible levar adiante a feira”.

Mostra do concurso fotográfico
En paralelo, a nave dos tecidos acollerá a exposición de fotografías do I Concurso fotográfico Feira do Gando vacún, coa finalidade de premiar aquelas imaxes que mellor reflictan a actividade gandeira e a vida no rural en Moeche.

O concurso está aberto a calquera idade e poderase botar man de calquera técnica e equipamento -cámaras réflex, cámaras compactas, móbiles…-. Cada participante poderá presentar como máximo dúas fotos, unha por cada categoría. A saber, unha para fotos centradas no labor gandeiro e outra que deixe patente calquera modo de vida vencellado á terra ou a crianza de animais. Ademais haberá un terceiro apartado con premio  para aquela imaxe de calquera das dúas categorías anteriores que obteña máis votos a través do Facebook.

Un xurado composto por profesionais da fotografía e representantes de entidades do municipio elixirá as fotos ganadoras nas dúas categorías principais, que levarán un trofeo Irmandiña, un bono para as rutas xeolóxicas que organice o Concello durante este ano e entradas para a obra de teatro “A porta aberta do Castelo”.

As imaxes haberá que envialas este mércores como moi tarde ao correo xenérico do Concello correo@moeche.gal. Xunto co arquivo dixital -preferiblemente en .jpg e con calidade suficiente para imprimir- será necesario facer constar no correo o título, o nome da autora ou autor e a categoría á que concorre (foto de gandaría ou foto de vida no rural de Moeche, ou unha foto para cada unha).

Con todas as imaxes recibidas activarase unha galería na páxina en Facebook do Concello na que as persoas usuarias da rede social poderán votar dándolle ao “gústame” entre o 21 e o 28 de xuño. Ademais, o propio sábado o recinto do Mercado exporá todas as imaxes en formato impreso e ao seu carón colocarase unha urna para facer votacións presenciais.

Unha vez que remate o prazo de darlle ao “gústame”, o Concello contabilizará os apoios na rede social e as papeletas para outorgar o premio do público, consistente tamén nun trofeo Irmandiña, entradas para a obra teatral e, a diferenza dos outros casos, un bono individual para a temporada da piscina deste 2018. Tanto este como os outros dous premios do xurado entregaranse o sábado 30 de xuño ás 12.00h. no Mercado de Moeche. En caso de que a persoa premiada sexa menor de idade deberá acudir acompañada da nai, o pai ou de quen exerza a súa titoría legal.

Documentación descargable:
Bases do I Concurso de Fotografía Feira do Gando Vacún