A sede da Escola Galega de Administración Pública, en Santiago, acolleu durante a xornada deste mércores un encontro  promovido pola Consellería de Benestar, Unicef Galicia e A Fegamp, co obxectivo de mostrar experiencias exitosas de participación da rapazada  na definición de políticas públicas. A cita convocouse baixo o título “II Xornadas Formativas do Programa Concellos Amigos da Infancia” e Moeche estivo presente como municipio que xa está posto a andar para obter este distintivo outorgado polas Nacións Unidas a aquelas vilas e cidades que adoptan o compromiso -e tamén as ferramentas- para garantir os dereitos da infancia e a adolescencia, ademais de lograr a súa implicación na toma de decisións, tanto daquelas que lles atinxen como colectivo como de calquera outra relacionada co futuro do territorio.

Ao encontro asistiron  a alcaldesa, Beatriz Bascoy, a técnica de desenvolvemento local, Raquel Novo, e Alejandra Casanova como representante da ANPA .Todas elas forman parte do Consello Local da Infancia e Adolescencia, constituído o pasado mes de xullo o polo Concello xunto co Grupo de Partipación Infantil como  máximo órgano de representatividade das nenas e nenos do municipio na toma de decisións e na formulación de propostas sobre todos aqueles asuntos que lles afectan ou que son do seu interese.

As xornadas formativas tiveron como obxectivo coñecer as estratexias e metodoloxías para a participación infantil e adolescente nos concellos e coñecer a experiencias daqueles municipios que xa acadaron o selo de Concello Amigo da Infancia ou de Boas Prácticas En Galicia só conta con el o de Castrelo de Miño, en Ourense, pero hai oito máis que xa teñen practicamente lista a súa candidatura, que debe recoller unha radiografía exhaustiva sobre a situación da rapazada no territorio, elaborar un plan da infancia e, como fixo Moeche en xullo, impulsar foros oficiais de participación permanente da infancia e a mocidade. A próxima valoración da Unicef -organismo dependente das Nacións Unidas- coñecerase antes de final de ano e, ademais de Moeche, tamén optan ao distintivo Ourense, Tomiño, Redondela, O Porriño, Cabanas, Carnota e Teo.

Beatriz Bascoy cualificou a xornada celebrada onte en Santiago como “moi produtiva”, xa que ao longo da mañá puido verse “de que maneira están traballando outros municipios do Estado e os resultados que están obtendo desde que a rapazada ten voz nos asuntos públicos. Ademais tamén nos deron algunhas claves que nos serán moi útiles para impulsar en Moeche unha participación efectiva dos nenos e nenas, un compromiso que vai máis aló da obtención do selo que concede a Unicef”.

O Grupo de Participación infantil, composto por máis de 10 menos e nenas,   reunirase de novo o 29 de outubro na Casa do Concello para  abordar varios asuntos municipais sobre os que o Goberno municipal “ve necesario  consultarlle á cativería e a mocidade, por tratarse de cuestións que lles afectan directamente”. Na orde do día da xuntanza tamén se marcará o calendario de encontros de cara a “dinamizar o funcionamento do grupo”.

Con respecto á candidatura municipal a converterse en Concello Amigo da Infancia, Beatriz Bascoy mostrouse esperanzada en que, finalmente, Unicef recoñeza o traballo desenvolvido desde hai máis dun ano para darlle forma a unha idea xurdida xa en 2015. Neste sentido, a alcaldesa lembra que Moeche “acordou no ano 2017 dar os pasos necesarios para se converter en Concello Amigo da Infancia e nesa liña de traballo presentamos a candidatura o pasado 7 de maio de 2018, incluíndo nela o Plan local da infancia e a adolescencia que tamén se aprobou en pleno este ano”.

Desde o Goberno local incídese, unha vez máis, en que “o realmente importante” non é tanto o recoñecemento internacional como “a posta en marcha de mecanismos participativos que veñen darlle voz e poder decisorio á rapazada”, cuestión esta última “fundamental” para fortalecer o sentemento de pertenza dos nenos e nenas ao seu territorio e á colectividade da que forman parte.

Documentos do proceso de participación infantill no Concello de Moeche: https://123.moeche.gal/vecinanza/participacion-infantil/