A Presidencia do Consello de Dirección do Proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal pasa ao  Concello de Moeche, desempeñada pola alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy.  Así se acordou na nova xuntanza celebrada o pasado luns de conformidade coa rotación establecida nos estatutos que regulan a a agrupación de concellos para pormover o Proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal, constituído pola Deputación da Coruña e os concellos de Cariño, Cerdido, Cedeira, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

Un ano despois da constitución do Consello de Dirección do Proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal prodúcese o primeiro dos relevos na presidencia rotatoria que pasa a ocupar a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, despois de que o alcalde de Cerdido, Benigno Galego, desempeñase o posto no primeiro ano. O cambio produciuse na xuntanza en que tomaron parte representantes dos concellos implicados no proxecto ademais de persoal técnico da Deputación da Coruña, xunto co responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, que impulsa o desenvolvemento do proceso para promover a candidatura do parque.

Na mesma reunión, por proposta da Deputación da Coruña, concretouse a organización dunhas xornadas sobre xeoparques que terán lugar no propio territorio do Cabo Ortegal a fin de semana do 31 de maio, 1 e 2 de xuño que terían como obxectivo principal a implicación do tecido asociativo e a poboación local no desenvolvemento desta iniciativa. No programa, ademais de explicar a dimensión do proxecto, presentaranse exemplos da xestión doutros xeoparques como Courel ou o da Costa Vasca, organizaranse mesas de traballo para a elaboración das bases do futuro plan director e a estratexia do proxecto.  Unha das accións máis salientables será a visita de avaliadores internacionais para potenciar a imaxe e a solidez desta iniciativa. O programa incluirá unha visita guiada polo territorio do Cabo Ortegal.

Na mesma reunión os concellos acordaron concretar nesta mesma semana as propostas de sinalización dos lugares de especial interese xeolóxico e turístico do territorio.

Finalmente, por proposta do deputado, Xosé Regueira, aprobouse a creación do Consello Asesor do Xeoparque do Cabo Ortegal, á maneira doutros modelos de proxectos que están a ser impulsados pola Deputación da Coruña, e que será concretada unha vez analizados os resultados da xornada de traballo prevista..