A licitación do proxecto de Formación de novas beirarrúas e reposición das existentes en Balocos publicouse hoxe na Plataforma estatal de Contratos co Sector Público. Un proxecto que o Concello de Moeche incluíu no POS+ Adicional de 2018 financiado no 100% do investimento pola Deputación da Coruña. O contrato, cifrado en 68.188,55 euros, IVE incluído, servirá para conseguir unha notable mellora na seguridade viaria da AC-862 ao seu paso por Balocos, no concello de Moeche, facendo das marxes desta estrada un entorno moito máis cómodo e accesible para os peóns.
O proxecto suporá a pavimentacíón con formigón impreso de case 1.100 m2 e a colocación de algo máis de 600 m de bordo para os traballos de formación de novas beirarrúas e renovación das existentes no lugar de Balocos e nas marxes da estrada AC-862. Por outra banda, colocaranse 130 m de colector de formigón D=40 cm para entubar a cuneta no treito de nova formación no inicio pola marxe dereita, e colocaranse tres pozos de rexistro e catro sumidoiros en superficie conectados a este novo colector de pluvias. Tamén se colocarán algo máis de 20 m de canaleta prefabricada de formigón adosados á marxe exterior da beirarrúa no cruce coa DP-4904 a Somozas, pola marxe dereita; levará un sumidoiro no remate, a conectar ao colector que discorre actualmente baixo as beirarrúas nesta zona. Ademáis, inclúese tamén a realización de conexións de drenaxe, remates, limpeza final e outras tarefas,-
As beirarrúas existentes a día de hoxe nas marxes da estrada AC-862 son de baldosa hidráulica asentada con morteiro sobre unha soleira de formigón en masa. Presentan un ancho bastante uniforme de 1,75 , incluindo o bordo, e o seu estado actual é moi deficiente, estado que empeorou coa execución dasa obras da rede de saneamento. Os traballos desenvolveranse nas dúas marxes da estrada AC-862 entre os P.K. 25+125 e 25+550. Pola marxe dereita en sentido ascendente de P.K. (de Ferrol a Ortigueira) os traballos comezarían no P.K. 25+125, xusto na pista traseira de Balocos na curva da AC-862. Nestes primeiros 130 m pola marxe dereita a beirarrúa será de nova formación sobre a cuneta en terras existentes, con gabia entubada e pozos de rexistro así como catro sumidoiros en superficie conectados ao colector, para a recollida e canalización de pluviais. Unha vez rematado este treito de formación de nova beirarrúa e seguindo pola marxe dereita chegamos ao comezo da zona xa pavimentada na actualidade. En todo este treito ata o cruce coa estrada DP-4904 a Somozas haberá que demoler as beirarrúas existentes para a súa total renovación dado o seu mal estado actual.
Os dous últimos treitos pola marxe dereita están situados xusto despois do cruce da AC-862 coa DP-4904 a Somozas, en sentido Ferrol – Ortigueira. O primeiro treito, o de maior lonxitude, xa conta con beirarrúas na actualidade, pero do mesmo xeito que no resto de treitos o seu estado actual é moi malo e require dunha completa renovación, previa demolición. Cabe destacar o sobreancho considerable das beirarrúas diante dun negocio de calzado, tamén a demoler e renovar. O segundo treito será de nova formación e xusto a continuación do anterior, sobre unha zona en terras existente entre o límite do asfalto da AC-862 e o cerramento da parcela dun taller mecánico.
O tempo de execución é de tres meses desde a sinatura do contrato. O proceso de licitación do contrato para a Formación de novas beirarrúas e reposición das xa existentes en Balocos pode consultarse na Plataforma estatal de Contratación co Sector Público. O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas finaliza o próximo 15 de xaneiro.
Licitación na Plataforma de Contratos do Sector Público.
Últimos comentarios