Moeche acolle outra edición da súa Carreira Popular o sábado 8 de xuño. É un evento deportivo pensado para que participe calquera atleta ou calquera persoa que se vexa con forza e ánimo para botar unha carreiriña. Dende os que teñen 3 anos ata o veterán máis veterán, percorrerán dependendo da súa categoría, distancias dende os 100 ata os 6.700 metros.
As inscricións poden facerse picando neste enlace https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/inscripcion_datos.php?id=9330
Lembramos que os adultos teñen unha cota de inscrición de 4€ e os menores de idade participan de balde. E terán de prazo para inscribirse ata o xoves 6 de xuño ás 23.59 horas
O sábado 8, a partir das 17.00 horas poderán recollerse os dorsais na nave do mercado, e a partir das 18.00 daranse as saídas das diferentes carreiras, que discorrerán polo centro urbán e arredores. Comezarase cas categorías dos máis pequechos e remataremos ca carreira absoluta que terá a saída arredor das 19.00 horas. Todos os participantes de todas as categorías recibirán un agasallo e os mellores de cada categoría levarán tamén para a casa un trofeo. Sen olvidarnos dos mellores modestinos da carreira absoluta, que coma todos os anos terán o seu premio.
Habilitarase un servizo de gardarroupa e ao rematar as carreiras, estarán á disposición de quen queira as duchas do pavillón polideportivo municipal.

Esta proba conta coa colaboración de diferentes empresas locais, protección civil, veciñas/os e voluntarias/os e a Deputación da Coruña.