No ambiente, ademais de calor, xa se alenta festa. Nunha semana estaremos de cheo no 40º Festival Irmandiño, ademais de atoparnos ás portas dun 15 de agosto que cae en xoves e que, polo tanto, será de ponte para moitas e moitos de nós. Con todo, este sábado e domingo en Moeche teremos dous días ben cumpridos de actividade que, se cadra, nos servirán de quecemento para o que aí nos vén. Unha oferta que nos leva ao mercado dos sábados pola mañá, á festa de Santa María en Labacengos, de rutas xeolóxicas con Fran Canosa, á feira do domingo e, como remate -e non é un xogo de palabras- ao partido de pretemporada que xogarán o sábado á tarde a ADC Moeche e mailo Rosalía de Vilaboa. Suficiente para ir poñéndose en situación, ¿ou?.

Na mañá do sábado temos unha nova oportunidade de achegármonos ao mercado municipal, onde atopar todo tipo de alimentos frescos e elaborados, artesanía e mesmo peixe fresco da lonxa de Cedeira servido por Sonia Molé, quen se encargará a partir de agora do posto situado entrando a man dereita trala xubilación do anterior peixeiro. Outra novidade será a degustación de queixo de cabra que nos ofrecerán no expositor de Acastrexa.

Todo da máxima calidade, todo -ou case todo- produto da zona nun mercado que pouco a pouco vai consolidándose como templo do que hoxe se dá en chamar “slow food”, que non deixa de ser algo que en Moeche e en Galicia se practicou toda a vida: producir alimentos da máxima calidade e vendelos directamente nos circuítos de proximidade, sen intermediacións e entablando unha relación de confianza entre quen cultiva-cría e quen merca-consume.

O Mercado de Moeche ten lugar na antiga nave dos tecidos -agora remodelada- os sábados entre as 10 e as 14.00h., sempre que non cadre con feira. E esta fin de semana pouco lle faltou, posto que o domingo é 11. Así, sábado de mercado e domingo cheo dese ambiente xenuinamente modestino e tradicional que só se percibe os días 11 e 23, cando o arrecendo a churros, queixos, chacinas, polbo e churrasco se xunta coa lentura da froita e a verdura de temporada.

Na parte comercial/tradicional xa temos dúas ideas para a fin de semana. Agora imos á parte puramente de lecer. E diso hai máis aínda se cabe. Hai dúas rutas xeolóxicas programadas polo Concello dentro da oferta turística estival e da campaña de promoción preliminar do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. O sábado pola mañá o experto Fran Canosa acompañaranos ao interior da Mina Piquito nunha expedición que está completa desde hai días, ao igual que a prevista para o sábado que vén. Onde si hai vacantes é na Xeoruta do Toelo deste domingo e na do xoves 15. Poden reservarse prazas para calquera desas dúas xornadas a través desta ligazón.

Festa e fútbol
O noso repaso da fin de semana tampouco pode pasar por alto o partido que xogarán no municipal este sábado ás 19.00h. a ADC Moeche e o Rosalía de Vilaboa. A falta de dous equipos locais, calquera enfrontamento deportivo con escuadras de concellos limítrofes é coma se fose un derbi, e iso é o que viviremos neste primeiro encontro de pretemporada en que modestinos e vilaboeses comezan a engraxar maquinarias para o arranque ligueiro.

E, xa para finalizar coa relación de eventos, falamos das festas na honra de Santa María que se celebran baixo carpa en Labacengos. O sábado contrataron para a sesión vermú á orquestra Alabama. Esta formación repetirá á noite alternando os seus pases cos do grupo musical Antha, quen tamén se ocupará de animar a “función” do domingo ao mediodía coa que se pechan as celebracións e, de paso, pónselle o ramo a unha finde suave en comparanza coa de dentro de sete días.