En Moeche houbo de sempre fabas. En Moeche e no resto da comarca. Porén, aquí aos excedentes dábaselles saída nas feiras do outono, onde as pequenas explotacións familiares tiñan un importante punto de venda. Era tal a cantidade e a variedade que mesmo viñan buscalas compradores de Asturias e seguramente fose esa a razón de que á feira central desta época lle quedase o nome de Feira da Faba. Un nome que se mantén a pesar de que o cultivo fose a menos no territorio, parello co abandono do agro.
Con todo, desde o ano pasado o Concello tenta darlle contido á feira promovendo que se volvan vender fabas como antano. O obxectivo non é só o de termar da tradición, senón tamén alentar a reintrodución deste cultivo que sempre se deu ben en Moeche e que sempre tivo boa saída nas citas do 11 e do 23.
Así, a II Feira da Faba de Moeche celebrarase o sábado 11 de novembro con exposición e venda de todos os tipos de fabas e tamén de todas as procedencias. A partir das 9.30 h. contaremos con exposición e venda desta legume e doutros produtos da terra nos postos da Cooperativa Terras da Mariña, O gato lambón Fabas Castelo, Fabas Las Torres, Agronuquel, Fabas Sanjurjo e Fabas Ferreira, ademais de Mel de Galicia e os produtos artesáns de Chocolates Moreno.
A Feira da Faba terá tamén animación musical de rúa con César Freiría, máis coñecido como o home orquestra Cé Orquestra Pantasma -11.30h.- e a partir do mediodía tamén se poderá degustar unha saborosa fabada elaborada pola A.VV.de Labacengos que xunto coa A.VV. Val de Moeche colaboran na organización do evento. Todo dentro do marco da tradicional feira de Moeche que, como é habitual, ofrece moito e moi variado produto a bos prezos.
Últimos comentarios