Moeche volve ter nesta fin de semana unha boa remesa de propostas de lecer para toda a familia. Os Quinquilláns abrirannos de novo a porta do castelo o venres a partir das 21.00h. para facer unha visita cargada de historia, de historias e de humor. Porén, é o sabado cando máis eventos hai programados: unha andaina pola parroquia de San Xoán -inscricións no 981 404 006-, a segunda xeoruta do verán por Mina Piquito, que xa ten cuberto o cupo de participantes, e un peche de xornada en Soutogrande a partir das 20.00h. coa música e os bailes do espectáculo “Pesdelán mini”. Ah, e tamén temos mercado de produtos da terra e do mar durante toda a mañá na antiga nave dos tecidos de San Ramón.
O “Pesdelán mini” está organizado pola área de Cultura con motivo do Día Nacional de Galicia que, neste caso, se levou á fin de semana para que non cadrase con outros eventos multitudinarios que houbo preto de nós. A área recreativa de Soutogrande será escenario a partir das 20.00h. dunha experiencia musical dirixida a público familiar na que se xuntan a aprendizaxe de bailes e xogos con melodías tradicionais de Galicia e do mundo lusófono. Pesdelán naceu en 2008 e desde aquela teima en substituír o concepto de público-espectador polo de público-participante, propoñendo para iso un espectáculo divertido que recupera o espírito das festas de toda a vida.
Levan publicados dous deuvedés -”Na punta do pé” e “Entroidanzas”- que teñen a súa correspondencia con obradoiros ao vivo coma o que chegará a Moeche este sábado. Nese caso trátase de “A bailar con Pesdelán mini”, no que se prescinde da parte musical en directo mantendo a parte dos puntos e movementos do baile galego e doutros lugares. A entrada e participación no espectáculo son gratuítas.
Andaina por San Xoán e nova entrada en Mina Piquito
O “Pesdelán mini” pechará unha xornada que comezará sobre as 10.00h. cunha nova andaina organizada polo Concello para descubrir toda a riqueza natural e cultural do municipio. Neste caso será un paseo pola parroquia de San Xoán con saída do adro da igrexa. Farase un itinerario circular duns 8 Km. de percorrido apto para calquera idade, xa que ten unha dificultade media-baixa.
É recomendable traer chaleco reflector, calzado cómodo que protexa os nocellos e que non sexa de estrea, algo de beber e, se se quere, froita ou unha barriña enerxética para repoñer forzas durante o camiño. A actividade é gratuíta, pero fai falla inscrición previa chamando ao 981 404 006 ou mandando un correo a daniel.feijoo@moeche.gal.
En relación co descubrimento do territorio, o sábado pola mañá -10.30h.- tamén se desenvolverá a segunda xeoruta deste verán polo interior da Mina Piquito. Xa non hai prazas dispoñibles para unha actividade na que poden participar 10 persoas como máximo por razóns de seguridade e de aproveitamento das explicacións do xeólogo Fran Canosa. O que si haberá son máis ocasións de visitar a mina, concretamente os días 5, 18 e 26 de agosto e o 1 de setembro.
As inscricións hai que facelas na web rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com, como moi tarde, ata dous días antes de cada ruta. O percorrido é relativamente curto e doado, aínda que cómpre ter en conta que a parte máis espectacular da ruta transcorre polas galerías da mina, que non están acondicionadas para persoas con mobilidade reducida. Cadaquén debe levar unha lanterna, botas de auga con boa adherencia e roupa ou funda que se poida manchar, xa que nas galerías hai lama e abundante auga que en sitios chega a cubrir os pés.
No blog das inscricións poden consultarse as datas de todas as citas e outra información de interese. Tamén é posible apuntarse chamando ao 981 404 006 ou no enderezo electrónico correo@moeche.gal. O prezo de cada ruta son 10€ e hai que ser maior de 11 anos para poder participar. Cómpre lembrar que, ademais das xeorutas por Mina Piquito, aínda queda por celebrarse un dos itinerarios do toelo visitando as canteiras e os elementos patrimoniais construídos con este material. A Xeoruta do Toelo está programada para o 15 de agosto e as inscricións deben facerse a través do blog ou chamando ao Concello. O prezo neste caso son 6€ e non hai límite de idade.
Os Quinquilláns continúan abrindo as portas do castelo os venres
Todos os eventos anteriores concéntranse no sábado. Pero tamén temos que falar das visitas teatralizadas polo castelo de Moeche que se celebran durante todos os venres dos meses de xullo e agosto. A partir das 21.00h., Tero Rodríguez e Lucho Penabade -Os Quinquilláns- recíbennos na porta da fortaleza para acompañalos nunha viaxe ao pasado, ao convulso remate da Idade Media marcado en Galicia pola Guerra Irmandiña.
Os actores, convertidos para a ocasión en dous cómicos que quedan no castelo trala marcha dos señores, contan con humor historia e historias, unhas reais e outras inventadas por eles, nun percorrido moi entretido e axeitado para facerse en familia. As entradas teñen un prezo de 3€. Hai que reservalas previamente chamando ao 981 404 006 ext.2 e retiralas ata media hora antes do espectáculo no propio castelo. A rapazada menor de 16 anos, as persoas maiores de 65 e as posuidoras do Carné Xove só pagarán 1,50€.
Últimos comentarios