A Xunta de Goberno Local aprobou hai tan só uns días sacar a contratación as obras incluídas dentro do POS Adicional da Deputación da Coruña. Son tres licitacións por un montante global superior aos 96.000 euros que se dedicarán a reparar varias pistas municipais, pero tamén a dotar de marquesiñas e peches de colectores a varios puntos do concello, ben porque carecían deste equipamento, ou ben porque cómpre renovalo. As empresas interesadas teñen até o 4 de outubro para presentaren as súas ofertas. O acordo da XGL para iniciar os expedientes de contratación prodúcese nun momento en que tamén se acaban de adxudicar as obras do camiño das Pedreiras e o aglomerado da Feira, así como o Plan de Mellora de Camiños da AGADER, co que se intervirá noutros tres eixos de comunicación municipais. Destes  últimos programas encargarase Construcciones Saavedra y López por un importe cercano aos 112.000 euros.

Os proxectos que agora saen a concurso público servirán para amañar aproximadamente dous quilómetros e medio da rede viaria municipal. Un deles, cifrado en 33.568,90€, centrarase na reparación de dous camiños adxacentes na zona da Ribeira e tamén da coñecida como estrada de San Xiao.

Outra das actuacións que se contratarán en breve e cun prezo de saída de 31.929,07 euros tamén se divide en dous tramos: un de 1.275 metros desde As Filgueiras -no límite con San Sadurniño- até o cruzamento da área recreativa de Souto Grande e, outro, que enlaza a Casanova coa estrada de Ortigueira no Libureiro, separados entre si uns 260 metros.

A terceira intervención programada con cargo ao POS Adicional non vai dedicada a pistas, aínda que si ten que ver, e moito, coa seguridade do tráfico e peonil. E é que os 30.636,90 euros restantes cos que se completa a partida provincial irán dedicados á instalación de novas marquesiñas e á preparación de bases e ancoraxes para  colectores do lixo en Balocos, Abade, Castelo, Santa Cruz, A Casanova, Vilapedre  e outros lugares.

Casetas da escola colocaranse un total de cinco, todas elas co mesmo deseño en madeira que o Concello quere ir estendendo a todo o territorio a medida que se vaian acabando as vellas. Nesta ocasión  situaranse en Finlle, As Sete Pontes, Penasalbas, O Retorno e Portogonzalbo. Para as bases e suxeicións dos colectores do lixo optarase por varios tamaños e distintas solucións, de acordo coas necesidades de cada zona. Neste sentido está previsto formar 32 bases de formigón dotadas con peches de madeira, das que 13 terán capacidade para un único depósito e 19 poderán inmobilizar un par deles. A maiores tamén se instalarán 10 abrazadeiras de aceiro inoxidable noutros tantos puntos do municipio.

Toda a documentación técnica e administrativa sobre estas licitacións está dispoñible na Plataforma de Contratación do Estado. O prazo para presentar ofertas finaliza o 4 de outubro.

Obras de comezo inminente
Unha vez publicadas as licitacións haberá que agardar a que se cumpran os prazos que terán as empresas para presentar ofertas técnicas e económicas e, posteriormente, o tempo que leve valoralas antes de facer a adxudicación. Desde o Goberno Local agárdase que todo ese proceso se poida rematar nun prazo de non máis de mes e medio, co obxectivo de que os traballos se poidan levar a cabo antes do remate do outono.

Os que si empezarán en breve serán os proxectos que se lle acaban de encomendar a Construcciones Saavedra y López, encadrados nun caso no POS+ 2019 e, no outro, no Plan de Mellora de Camiños da AGADER. Dentro do plan provincial acometerase o aglomerado de máis de 5.000 metros cadrados do recinto feiral de San Ramón e tamén se renovará o firme do camiño das Pedreiras -entre a estrada de Ortigueira e o límite con San Sadurniño-, aproveitando para reparar o saneamento e maila beirarrúa existente na zona. Os traballos adxudicáronse en 69.575 euros. Trátase dunha das principais vías de conexión co concello veciño, que tamén ten encargado o seu propio proxecto para continuar o aglomerado desa mesma estrada desde o linde con Moeche até a Bañoca, en Bardaos.

O programa financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural con fondos europeos permitirá reparar  cerca de quilómetro e medio de pistas. Son, en concreto, o aglomerado de 755 metros da estrada que comunica Loira con Abade; o asfaltado desde a Casanova até Xordo -uns 475 metros de distancia- e o aglomerado do principal acceso ao castelo de Moeche, que veñen sendo 240 metros de ancho variable desde o cruzamento de Nogueirido até pasada a fortaleza en dirección a Felgosa, tramo que inclúe a zona de estacionamento ao carón do campo da festa. A empresa adxudicataria ofreceuse a facer estas obras por 42.350 euros.

Ligazón ás licitacións abertas:
Formación marquesiñas e cerramentos para colectores de residuos Balocos, Abade, Castelo e outros
Pavimentación do camiño da Ribeira e Estrada San Xiao
Pavimentación do camiño de As Filgueiras e Libureiro -Casanova