Moeche abre todos os anos no mes de febreiro o procedemento de renovación das listas de contratación do Servizo de Axuda no Fogar. Desta maneira, calquera persoa que cumpra os requisitos pode solicitar a súa entrada na bolsa e, ao mesmo tempo, quen xa forme parte dela ten a opción de achegar méritos que melloren a súa puntuación. A normativa pola que se rexe a elaboración da lista -publicada no BOP o 4 de xullo de 2016- establece que as instancias han de presentarse no prazo xenérico do 1 ao 28 de febreiro, un período que na actualización deste 2020 permanecerá aberto desde o día 3 até o día 28.

As listas teñen a finalidade de que o Concello poida contar en todo momento dun número suficiente de persoas cualificadas para cubrir vacacións, permisos e baixas laborais das empregadas do servizo, ou incluso vacantes que poidan producirse.

Os requisitos xerais que se deben cumprir para acceder á bolsa son os de ter nacionalidade española ou dalgún estado membro da Unión Europea, ser cónxuxe de alguén que cumpra estas condicións, ou ter residencia legal en España. Tamén é imprescindible ter como mínimo 16 anos, dispor da titulación requirida, ter carné de conducir e dispoñibilidade de vehículo, non atoparse nunha situación de enfermidade ou eiva física que impida o desempeño do traballo e, por último, que non existan causas de incapacidade ou incompatibilidade legal nin tampouco algún expediente disciplinario que arrede ou inhabilite a persoa para traballar na Administración.

Para entrar na lista fai falla estar en posesión de alomenos un dos seguintes certificados profesionais: auxiliar de axuda a domicilio, o de atención sociosanitaria a persoas dependentes ou ben o de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A maiores destas capacitacións mínimas, as persoas que queiran formar parte da lista -e tamén as que xa estean nela- poden mellorar a súa puntuación total achegando a acreditación de formación complementaria, por experiencia laboral e polo coñecemento do galego.

As condicións deben reunirse no momento de presentar a solicitude, que ha de rexistrarse no Concello acompañada dunha fotocopia compulsada do DNI, dunha copia compulsada do permiso de conducir, da declaración xurada de dispoñibilidade de vehículo, e dunha fotocopia compulsada da documentación acreditativa dos méritos alegados. As persoas que presenten por primeira vez a súa solicitude tamén teñen que achegar o certificado de profesionalidade ou titulación coa que conten.

O prazo para presentar as solicitudes de inscrición na bolsa ou de actualización dos méritos permanecerá aberto desde o 3 ata o 28 de febreiro.  Unha vez finalizado ese período será cando se xunte a Comisión de valoración encargada de analizar toda a documentación e de asignar as puntuacións segundo o baremo oficial. Tras este trámite a lista exporase ao público por se houbese alegacións e, tan pronto como se resolvan, as bolsas elevaranse a definitivas, permanecendo en vigor ata o ano que vén. O listado publicarase no tablón de anuncios e tamén nesta mesma web.

Información descargable:
Bases e anexo de solicitude (BOP do 4/7/2016)
Bases e anexo de solicitude en .pdf