Quedan moi pouquiños días para o 23 de Abril, unha das datas máis sinaladas no calendario para todas as persoas de toda a volta amantes dos cabalos e día grande para Moeche. As restricións do Estado de Alarma obrigaron a suspender a tradicional feira, pero o sentimento continúa a través das redes sociais, como demostra a páxina en Facebook creada hai tan só uns días por dúas afeccionadas para recordar o espírito da xornada, as “sorpresas” virtuais que nos depara a Asociación ecuestre 23 de Abril ou a proposta “Moeche, terra de feiras” impulsada polo Concello hai dúas semanas e que segue recibindo traballos creativos de todo tipo para montar unha exposición colectiva máis adiante, cando se restableza a normalidade. Ademais, este mesmo sábado ás 20.00h. arrancará no Facebook municipal un concurso a medio camiño entre o reto visual e o entretemento, protagonizado polos debuxos do artista Carlos García. A proposta é ben sinxela: durante os próximos cinco días irase publicando unha viñeta na que haberá que descubrir unha imaxe oculta. Quen a acerten entrarán no sorteo doutros tantos agasallos que se entregarán unha vez se levante a alerta sanitaria e todo volva ao seu.
Máis en detalle, a mecánica do concurso é a seguinte. Entre o sábado 18 e o mércores 22 publicarase un deseño cada día alusivo ao ambiente que se respira no 23 de Abril. O debuxo de Carlos García terá oculta entre os seus trazos outra imaxe ou silueta que haberá que atopar mirando con detemento a escena. No momento de publicala daranse pistas sobre que debemos descubrir: un cabalo, unha vaca, unha montura, un polbo … pode ser calquera cousa que se lle ocorra ao artista.
Aquela persoa que dea na chave ten que comentar “Si” na publicación. Insistimos, só debe publicar como comentario o “Si”, pero en ningún caso descubrir onde cre que se encontra a figura oculta, co obxectivo de alongar o xogo o máis posible sen destriparlle a solución a quen aínda non dese con ela. Quen descubra o que se esconde en cada debuxo deberá enviar unha mensaxe privada á páxina en Facebook do Concello, indicando o lugar onde está agochado o misterioso motivo, algo que se poderá facer explicándoo no texto da mensaxe ou adxuntando unha captura de pantalla sinalando o lugar exacto.
Quen participe terá de prazo para atopar a imaxe oculta ata as 20.00h. do día seguinte, cando se publicará a solución ao reto visual seguida dun novo deseño de García para seguir xogando. Entre todas as persoas que acerten farase un sorteo, de maneira que haberá cinco sorteos cuxo resultado se coñecerá tamén no Facebook o xoves 23 de abril ás oito do serán, hora á que viría rematando (máis ou menos) a xornada de feira.
Esta actividade virtual tenta achegar un entretemento máis para levar mellor o confinamento, pero tamén pretende reivindicar o significado dunha feira de fonda raíz dentro e fóra de Moeche da que hai referencias escritas desde 1730 e, que se teña constancia, nunca foi suspendida ata este ano.
Ata fin de mes poden seguir achegándose obras para “Moeche, terra de feiras”
As áreas de Cultura e de Desenvolvemento local do Concello tamén teñen en marcha proxecto de creación artística “Moeche, terra de feiras”, a través do que se propón achegar pinturas, debuxos, microrrelatos ou pequenas poesías que, despois, e unha vez que superemos esta crise, se poidan expoñer no castelo.
A finalidade é dobre: por unha banda renderlle un certo tributo aos eventos feirais que se desenvolven no concello ao longo do ano e, por outra, levar a cabo unha iniciativa de lecer activo mentres dure o confinamento obrigado por mor do coronavirus. Ademais destes dous obxectivos, tamén pretende fomentar “a creatividade e a imaxinación”, tal e como se sinala nas bases que o Concello acaba de modificar para darlle entrada tamén aos traballos que poidan chegar desde fóra do municipio.
Dentro do tema principal de homenaxear ás feiras, as bases dan bastante liberdade para expresarse por medio do debuxo e da pintura ou da creación literaria. Así, na modalidade plástica han de presentarse imaxes de cabalos, gando, ou calquera na que se reflicta a esencia das feiras, tanto as monográficas como as quincenais, feitas sobre lenzo, táboa, papel, tea, tellas, lousa, madeira, metal, coiro, etc.
A modalidade literaria ten dous apartados: o microrrelato -cunha extensión máixima de 200 palabras- e o de micropoesía -entre 6 e 8 versos-, que en ambos casos han de estar redactados en lingua galega sobre calquera aspecto relacionado coas feiras mensuais ou monográficas que se celebran non municipio.
Debido ao extraordinario da situación actual, as obras, que han de ser inéditas, deberán enviarse entre o 1 e 30 de abril ao correo concellodemoeche@gmail.com para ir recopilando e ordenando todas as creacións. Por iso se pide que se manden copias escaneadas das obras ou que se lles tire unha foto para poder ir facéndose unha idea do espazo que será necesario e tamén dunha posible estruturación temática da futura exposición. No asunto do correo debe incluírse a frase “EXPOSICIÓN FEIRAS” e no texto farase constar o título da obra, o nome completo e o DNI da autora ou autor.
Tan pronto como se desactiven as medidas sanitarias do Estado de Alarma -e as que poidan vir despois para evitar rebrotes do coronavirus-, cada participante deberá entregar a súa obra orixinal na Casa do Concello dentro dun prazo que se publicará, chegado o momento, nas redes sociais e na web municipal.
Todas as obras presentadas que cumpran coas bases formarán parte da primeira exposición temporal que se faga no Castelo de Moeche unha vez reabra as súas portas.
Últimos comentarios