A Casa do Concello de Moeche acolleu na tarde deste martes 17 de xullo a asemblea constituínte do Consello Local da Infancia e da Adolescencia, máximo órgano de representatividade das nenas e nenos do municipio na toma de decisións e na formulación de propostas sobre todos aqueles asuntos que lles afectan ou que son do seu interese. O consello nace formado por 9 persoas adultas -membros do goberno, dos grupos políticos, da ANPA e profesorado do CEIP San Ramón- e 10 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos quen, ademais, tamén integrarán o Grupo Municipal Infantil a través do que achegar ideas e demandas ou solventarlle dúbidas ao propio Concello sobre como orientar políticas e actuacións dirixidas á infancia e a mocidade. A constitución do CLIA de Moeche é un dos pasos finais de cara á obtención do selo de Concello Amigo da Infancia outorgado pola UNICEF. Porén, máis aló dos recoñecementos internacionais, este instrumento participativo vén darlle voz e poder decisorio á rapazada co obxectivo último de xerar un vínculo que garanta o  futuro do territorio.

A sesión constituínte do Consello Local da Infancia e a Adolescencia estivo revestida a partes iguais da seriedade requirida polo momento e do tono desenfadado e próximo que se agarda para un órgano onde o protagonismo é dos nenos e nenas. Elas serán quen leven a voz cantante facendo propostas de todo tipo sobre aquelas cuestións que sexan do seu interese: investimentos en equipamentos ou na súa mellora, desenvolvemento de programas municipais pensados para a cativería e a mocidade, ideas encamiñadas a unha maior participación dos pequenos na vida pública… etc., moitos deles recollidos nas peticións feitas en plenos infantís e tamén nos informes elaborados polo consistorio para preparar a súa candidatura a Concello Amigo da Infancia.

O camiño para chegar ata aquí empezouse a andar hai case tres anos como idea e un ano xa como proposta formal. En agosto de 2017 o pleno municipal acordou adherirse ao selo da UNICEF e dous meses despois aprobouse a estrutura que tería o CLIA e maila Mesa de Coordinación Interna de Participación Infantil, encargada de estruturar esa participación e de levar ao papel tanto a diagnose da situación de partida como o plan de actuacións, nutrido en boa parte polas achegas expresadas nos plenos polos nenos e nenas. “Arranca a raíz da visita que nos fixeron os nenos e nenas do CEIP San Ramón en novembro de 2015 onde expuxeron as súas peticións e propostas. A partir de aí pensamos que había que crear un órgano de participación infantil, que tivesen un espazo para opinar, e a iso sumámoslle a convocatoria da UNICEF da candidatura de Concello Amigo da Infancia á que nos queriamos presentar”, explica a alcaldesa, Beatriz Bascoy.

A primeira xuntanza formal do Consello Local da Infancia e da Adolescencia tivo dous cometidos. O primeiro foi a propia constitución do órgano, integrado pola presidencia, o pleno do Consello, as vogalías e a secretaría, ademais dun asesor por parte de UNICEF. A presidenta é a alcaldesa, e como vogais actúan os responsables das áreas de Mocidade e Benestar Social xunto cun representante de cada grupo con representación municipal. O consello conta tamén nas vogalías con dúas persoas representantes da ANPA, cun membro por parte do CEIP San Ramón e, neste primeiro momento, con 10 nenas e nenos que se presentaron voluntarios para participar na iniciativa. As súas idades deben estar comprendidas entre os 8 e os 17 anos e o regulamento estipula que poderán formar parte do órgano até un máximo de 20 rapaces.

Porén, unha das partes importantes deste mecanismo de participación é que, ao abeiro do regulamento -aprobado tamén onte por unanimidade como segundo punto da orde do día-, nace o Grupo municipal de Participación infantil que non ten límite en canto a número de integrantes e que funcionará como un grupo de traballo autónomo para definir actuacións e proxectos en coordinación directa co Concello. As súas decisións e peticións trasladaranse logo ao Consello Local da Infancia e da Adolescencia a través das vogalías correspondentes. No caso de que o Grupo municipal -elixido democraticamente pola rapazada- teña máis de 20 compoñentes, a representatividade no Pleno do Consello será rotatoria.

Tal e como comenta a titular de Cultura, Deporte e Mocidade, Iria Couce, o Grupo municipal de Participación infantil terá inicialmente unha periodicidade bimestral: “durante o ano escolar reunirémonos unha vez cada dous meses. Eles e elas terán que expor as súas ideas e nós meditar se se poden levar a cabo ou non. O que prima é a palabra dos nenos”. Pola súa banda, Miguel Ángel Pedreira -responsable de Medio Ambiente e Sanidade- confía en que, tan pronto como empece a funcionar o órgano infantil e haxa os primeiros resultados,  “vai haber un efecto chamada” que provocará que máis rapazada “queira participar na iniciativa ao ver que as cousas que piden se cumpren”. A cativería e a mocidade menor de 18 anos terá neste grupo o seu principal referente para preparar todo tipo de propostas, que mesmo poderán saír de pequenas comisións de traballo, moito máis efectivas en canto a funcionamento e máis doadas de convocar que o propio Pleno do Consello, que se reunirá alomenos dúas veces no ano (unha delas cadrando no 20 de novembro, Día Internacional da Infancia).

A finalidade do Consello Local da Infancia e a Adolescencia non é unicamente darlle voz á rapazada para que exprese as súas necesidades e inquedanzas de cara a traducilas logo en actuacións e investimentos concretos, senón que tamén pretende ser un órgano ao que as distintas áreas municipais poidan acudir para solicitar asesoramento sobre como orientar as súas políticas. Porén, segundo destaca Beatriz Bascoy, a función “máis importante” desta nova ferramenta de participación é a súa capacidade para implicar as nenas e nenos “en todo o que pasa no territorio”. A rexedora asegura que o CLIA de Moeche “é a plataforma ideal para que a nosa rapazada se sinta parte activa do seu concello; que se cree un vínculo, un apego, un sentido de pertenza a Moeche que garanta o relevo xeracional na institución e no tecido social do municipio. Onte plantamos unha semente, máis para o futuro que para o presente”.